A portavoz do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe ante os medios de comunicación acompañada do deputado por Pontevedra Luís Bará para reclamar unha resposta das institucións públicas sobre o sinistro do Marisquiño.
Despois de desexar unha pronta recuperación das persoas aínda afectadas polo derrube do paseo do Náutico e que a Consellería de Sanidade reforce a atención psicolóxica das persoas accidentadas, Pontón anunciou que o BNG remitiu unha solicitude ás forzas da oposición para crear no Parlamento unha comisión de investigación que esclareza as causas do accidente e depurar responsabilidades. Ademais, a nacionalista reclamou unha convocatoria urxente da Deputacións permanente no Parlamento galego na que o presidente da Xunta dea explicacións do acontecido no Marisquiño.
ESPECTÁCULO PARTIDISTA DO PP E PSOE
Pontón cualificou de “lamentable, penoso e unha falta de respecto ás vítimas” o “espectáculo partidista” que dende hai unha semana están a dar o Partido popular e PSOE na súa opinión, máis interesados en buscar “un chibo expiatorio” que en asumir as responsabilidades do accidente. Unha vez máis, engadiu a nacionalista, PP e PSOE están a demostrar a “súa incapacidade” para asumir con rigor e responsabilidade que cando sucede algo semellante, os máximos responsables políticos “teñen que dar a cara” e non seguir “botando balóns fora”.
Pontón pediu ao PP e PSOE recoñecer con “madurez democrática” que se cometeron erros e que deben ser depurados. Neste sentido, asegurou que tanto o concello como a Autoridade Portuaria son responsables da xestión dese espazo, responsabilidade que estendeu á Xunta. As tres administracións, recalcou, non poden mirar para outro lado despois dun accidente que deixou case 500 persoas feridas.
A portavoz nacionalista lembrou que existe unha investigación xudicial pero dende o ámbito da xustiza deben ser reforzados os medios para que a resolución non se demore como aconteceu noutros sucesos. Xunto as responsabilidades xudiciais, explicou, están as responsabilidades políticas na autorización do evento. “O alcalde de Vigo, á cabeza, e o responsable da Autoridade Portuaria non poden eludir esas responsabilidade”. A Xunta, dixo, tamén coñecía o estado da zona e lembrou que é o “propio presidente da Xunta quen propón e nomea ao presidente da Autoridade Portuaria”.
Pontón reiterou a necesidade de crear a comisión de investigación para esclarecer os feitos, convocar a Deputación permanente na que debe comparecer o Presidente da Xunta para explicar o accidente e aproveitar o pleno da Deputación Permanente para constituír a comisión de investigación co fin de chegar a propostas para que non se volva a repetir un accidente destas características.
A portavoz do BNG amosou a súa confianza no apoio das forzas da oposición ás propostas do BNG.
Pola súa parte, o deputado do BNG, Luís Bará asegurou que se sigue producindo “un colapso” nas institucións que non aceptan as súas responsabilidades e seguen “mirando para outro lado”. PP e PSOE utilizan esta liorta por “intereses partidistas” e coa súa confrontación política poñen “en perigo vidas humanas”, manifestou.
Bará destacou a existencia de denuncias previas sobre o estado do paseo derrubado e acusou á Autoridade portuaria de ser responsable do seu mantemento.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.