O BNG propón cambios no gasto dos orzamentos de 1.200 millóns de euros e medidas fiscais que suman 225 millóns

Publicado por o día 18/11/2019 na sección de BNG,Política

O BNG propón cambios no gasto dos orzamentos de 1.200 millóns de euros e medidas fiscais que suman 225 millóns

O BNG presentou unha batería de emendas de transferencia entre consellerías que implican modificacións nas partidas de gasto por valor de 1.200 millóns de euros e modificacións fiscais que suporían uns ingresos adicionais de 225 millóns de euros.

En relación as propostas fiscais, a portavoz de Economía, Noa Presas, explicou que os cambios “non afectan ao aforro das maiorías sociais senón que implican apostar por un novo modelo económico, fiscal, ambiental e social e corrixe o modelo tributario regresivo do PP”. A cifra adicional viría de darlle maior progresividade ao IRPF e ao IS reducindo o mínimo exento e modificando a tarifa daqueles que superen os 60 millóns de euros. Tamén con novos impostos.

Entre eles a taxa a bebidas con exceso de azucre, gravar as vivendas baleiras por máis de dous anos sen causa xustificada, -hoxe a principal inmobiliaria é a SAREB e fondos voitre-, imposto ás comunicacións electrónicas, ás grandes superficies ou unha taxa ás redes de alta tensión.

Nas partidas de gasto, os cambios introducidos polo BNG establecen as súas prioridades: dar resposta ás necesidades da sociedade, afrontar a crise industrial e recuperar os servizos públicos danados tras unha década de recortes, sintetizou Presas.

A destacar: destinar o 1% do orzamento (126millóns de euros) á loita contra a violencia machista, -“menos lamentos e máis orzamentos”-, sintetizou a deputada, o que permitiría financiar un Plan contra a violencia machista; destinar 4millóns de euros a financiar unha estratexia contra a fenda salarial, 12 millóns de euros para sufragar un programa de desenvolvemento e cooperación para as comarcas afectadas pola transición enerxética ao que se engade 22 millóns de euros para un plan de reactivación económica urxente contra a deslocalización de empresas.

En relación a outros sectores económicos, Presas propuxo un plan estratéxico para a pesca de baixura e de recuperación do marisqueo, un grupo lácteo galego e un banco de terras agrarias.

Dentro do apoio ao sector industrial, o Bloque inclúe cambio no gasto inicial para destinar 6 millóns de euros a poñer en macha unha estratexia para o sector naval, 35 millóns de euros para un plan pola ciencia e a innovación e 5 millóns de euros para un programa de consolidación da carreira investigadora.

Benestar social e servizos públicos absorben parte das prioridades de gasto do Bloque, con 200 millóns de euros para atención primaria e propostas como un plan de emprego na sanidade pública e recuperación dos acordos de 2010, plan de saúde mental, ampliación da cobertura bucodental ou un plan de choque contra as listas de espera. En dependencia, a proposta pasa por poñer en marcha a planificación dun sistema público de servizos sociais e eliminación das listas de espera.

En materia de integración social, o BNG destina 90 millóns de euros para financiar unha renda de garantía social e laboral para aquelas persoas que non teñan ningún ingreso, e 40 millóns de euros para incrementar as pensións non contributivas e os subsidios. E no eido educativo, a formación nacionalista coloca entre as prioridades de gasto a posta en marcha dun plan de recuperación dos servizos públicos educativos, aumentar os fondos do SUG, luz programa de gratuidade dos libros de texto e un plan de recuperación da xestión directa dos comedores escolares e incrementar as bolsas ao alumnado universitario.

En definitiva, concluíu Presas, “precisamos uns orzamentos que se adapten á realidade e ás necesidades do presente, ou corremos o risco de que cando se vexan as cousas máis claras sexa demasiado tarde”.

O BNG rexeita a Lei de acompañamento do PP porque modifica leis pola porta de atrás sen debate social

Rodil acusou ao PP de instrumentalizar o procedemento para introducir reformas alleas aos orzamentos

A deputada do BNG, Olalla Rodil rexeitou a lei de acompañamento polo “uso e abuso” do PP para modificar leis “pola porta de atrás” e furtando o debate social e parlamentario. Na súa opinión, o PP utiliza este instrumento que “nada ten que ver cos Orzamentos”.

Este ano, explicou Rodil, o PP modificou tres das cinco leis aprobadas no ano 2019, a Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, sete meses en vigor, a  Lei de administración dixital, tres meses e a lei de Patrimonio, tres meses, e  Lei de patrimonio natural natural e da biodiversidade con dous meses en vigor. Mudanzas, dixo  que son   xustificadas como “puntuais” para “corrixir erros” pero en realidade, representan un claro “exemplo de improvisación”.

A deputada lembrou que foron modificadas 30 leis “dun plumazo” ás que  sumou 46 reformas  a través deste sistema desde 2017, é dicir,  “76 leis reformadas por esta vía no que vai de lexislatura”.

A deputada fixo fincapé na nula relación das modificacións das leis cos orzamentos entre as que nomenou: A Lei  de caza para autorizar a caza a man e ao salto no caso do xabaril  ou a  Lei de Protección da paisaxe para modificar  os plans de acción que o “PP leva unha década sen executar”.

Sobre a  Lei de Fomento da Investigación e  Innovación de Galiza do ano 2013,  é a terceira vez, recalcou a deputada que a reforman a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos. Fixérono en 2015 e 2017 e agora volven outra vez a modificar os contidos mínimos que debe incluir o plan galego de investigación. Para que a  reforman? preguntou. A finalidade non é outra máis que  suprimir o período temporal de vixencia que fixaba en 5 anos, suprimir parte dos contidos mínimos que debe incluír o plan, entre eles a relación de programas que o compoñen, os medios que son necesarios para desenvolvelo e a información precisa para a elaboración destes programas. Para o BNG, a investigación e a innovación resulta un eixo estratéxico para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza que non debe regularse “a impulsos, sen diálogo, sen participación e a través da lei de acompañamento”.

Pero  despois, ironizou,  están os clásicos. Leis reformadas pola porta de atrás como a Lei do solo para permitir que os promotores de solo urbano non consolidado poidan entregar aos concellos en metálico o 10% do seu valor en lugar de solo, permitir os cambios de uso en construcións que están fóra de ordenación ademáis de manter o solo rústico para  usos prohibidos. É dicir, “no canto de someter a un réxime servero de limitacións os edificios contrarios á  normativa urbanística, facilítanlle unha segunda vida favorecendo usos diferentes.”

A Lei de mobilidade de terras, engadiu a ancionalista, tamén foi  reformada en catro ocasións así  como a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais do ano 2007. A esta lei, o único que lle queda da versión orixinal é o nome. E o que sabemos é que Medio Rural quere agora impulsar unha nova”.E para que? Volveu a preguntar a deputada ao que ela mesma respondeu, para “legalizar o convenio asinado pola Xunta e a FEGAMP no mes de abril, relativo ao sistema público de xestión de biomasa e para que os traballos de limpeza das franxas de protección poidan facerse a través de obradoiros de emprego”.

Reforman tamén a Lei de servizos sociais, deporte, turismo,  patrimonio cultural,  portos,  augas, cooperativas, saúde, comercio interior,  transporte,   estradas e  inclusión social.

Desde o BNG, reiterou a deputada, “nin concordamos, nin apoiamos esta forma de lexislar, especialmente en reformas de calado” e insistiu en que este instrumento do que “abusa” o Partido popular, “furta o debate social e   parlamentario e supón un mecanismo excepcional que o Partido Popular converteu en norma”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.