O BNG propón crear unha comisión para a reforma de Balaídos que poña fin á “chapuza e a improvisación”

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demanda “prazos claros” para as obras de Marcador e Gol e critica a pésima xestión municipal para resolver o problema dos asentos en Río.
Por o 23/08/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG propón crear unha comisión para a reforma de Balaídos que poña fin á “chapuza e a improvisación”
Compartir en:

O BNG vén de propoñer que se cree unha comisión para coordinar a reforma do estadio de Balaídos, co obxectivo de poñer fin á “chapuza e a improvisación” nos traballos. A iniciativa nacionalista quere contribuír a superar o punto de bloqueo derivado da falla de interlocución entre Goberno municipal e Celta, para o que apostan por incorporar nesa comisión a representantes das peñas, do movemento veciñal, dos e das atletas e mais da Zona Franca. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demanda prazos claros para as obras despois da reiteradas promesas incumpridas.

“O enésimo cambio de criterio e de prazos para a reforma da grada de Marcador, e a pésima xestión que se está a facer por parte do Concello na problemática real que existe na grada de Río, confirman para o BNG que a reforma do estadio municipal de Balaídos, que é unha obra cun grande investimento, se está a converter nunha enorme chapuza”, criticou Igrexas.  “Unha enorme chapuza que, ademais, chega tarde toda vez o propio alcalde anunciara que ía estar rematado o novo estadio xa na altura do ano 2017”, remachou.

O voceiro nacionalista cualificou de “nula” a xestion municipal para resolver os problemas dos asentos na grada de Río. “Un día dise que o problema non existe, ao seguinte dise que se van substituír uns poucos asentos e agora o alcalde di que o que vai propoñer é facer unha nova actuación para corrixir o que xa era evaidente, que a chapuza que se fixo en Río fai que o estadio sexa enormemente incómodo e moi pouco funcional”, recriminou.

Igrexas tamén lamentou que “non teñamos a día de hoxe unha data clara para saber cando se van iniciar as obras de reforma nin da grada de Marcador, nin da grada de Gol” para poder completar a reforma do estadio. Diante do que cualificou de “reiterado ronsel de promesas incumpridas” por parte do Goberno municipal, o concelleiro do Bloque fixo esta mañá un “chamamento á responsabilidade”, remarcando que estamos a falar “dunha grande instalación municipal e dun investimento moi importante para a cidade”.

Comisión

“A reforma do Estadio de Balaídos, que desde o  BNG sempre defendemos que era necesaria, ten que ter como resultado un estadio máis seguro, máis funcional e máis cómodo, pero ten que supor tamén, como dixemos desde un inicio, unha importante actuación na súa contorna para revitalizala”, explicou o nacionalista.

Con ese obxectivo e diante da situación de bloqueo, de falla de diálogo e de interlocución entre Concello e Celta, desde o BNG propoñen a creación dunha comisión para a reforma do estadio de Balaídos. Dela faría parte ademais do Concello e o propio Celta, representantes da federación de peñas, do movemento veciñal da zona, representantes dos e das atletas –xa que para o BNG “non se pode concibir a reforma do Estadio sen a reforma das pistas de atletismo anexas”–, e mais da Zona Franca polo feito de termos o estadio ás portas do máis importante polígono industrial da cidade.

Con esta proposta a fronte nacionalista quere contribuír a desbloquear a situación pero, sobre todo, a “poñer cabeza na reforma, para evitar esta permanente improvisación, falla de planificación e de supervisión, que na nosa opinión provocou estes asentos minúsculos en Río”.  Esta comisión sería, segundo Igrexas, un instrumento para “lograrmos o necesario consenso, para poñer en común, para non seguir dilapidando millóns de euros nunha reforma que parece que non lle gusta a ninguén, nin ao clube, nin aos seareiros nin, a momentos, ao propio Concello”.

Seriedade

Para o BNG é fundamental que se sumen esforzos e que diante “desta deriva de confusión e desorientación, para que haxa prazos certos e tamén teñamos claro quen vai financiar, a cargo de que e de que maneira”. 

“O que tememos é que esta nova dilación na reforma de Marcador, que vai acompañada dunha petición do Goberno municipal para que a Xunta asuma parte do seu financiamento, o que se cadra está a evidenciar é que non é tan seguro que a Zona Franca poida participar como anunciou no seu momento o alcalde”, advertiu Igrexas.

“Ten que haber claridade, orde e seriedade, porque falamos dunha infraestrutura millonaria que ten que durar décadas e que ten que ser en beneficio de toda a cidade”, demandou o voceiro do BNG na cidade olívica.

Una respuesta para "O BNG propón crear unha comisión para a reforma de Balaídos que poña fin á “chapuza e a improvisación”"

  1. Gamela   24/08/2019 at 22:18

    30 Millóns para un estadio de fútbol ?
    Unha comisión para que? Para gastar 60 millóns?
    https://flic.kr/p/NG6EzJ

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.