O BNG propón dedicar o millón de euros de Ryanair ao Plan Municipal de Emprego

A fronte nacionalista formulou unha emenda ao expediente de modificación orzamentaria promovida polo Goberno, para que se destine o millón de euros inicialmente previsto para Ryanair ao Plan Municipal de Emprego, en lugar de dedicalo ás festas como propón o PSOE.
Publicado por o día 28/06/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG propón dedicar o millón de euros de Ryanair ao Plan Municipal de Emprego

Diante da proposta de modificación orzamentaria aprobada pola Xunta de Goberno Local, coa que se pretende destinar 1 millón de euros que quedaron liberados da partida prevista para a promoción turística nas rutas de Ryanair para as Festas de Vigo e 100 mil euros da partida de Conxemar para incrementar o convenio do Marisquiño, o BNG foi a única forza política que presentou unha emenda ao expediente que será abordado no Pleno Extraordinario convocado para o vindeiro luns 1 de xullo.

A emenda presentada polo concelleiro Xabier P. Igrexas, non expresa desacordo co aumento da partida do Marisquiño, “un evento de grande importancia e que nos pon no mapa mundial dos eventos urbanos, e que desde os seus inicios contou co apoio do BNG”, explicou. No entanto, advirte de que o Goberno non dá garantías de que esa minoración de Conxemar, que está motivada pola renuncia voluntaria da súa organización, non teña ningunha repercusión negativa no desenvolvemento da feira.

En relación ao millón de euros que se libera da partida inicialmente prevista para a publicidade turística en Ryanair, Igrexas, denuncia que o Goberno non detalla que compromisos de gasto se subscribiron por parte da Concellaría de Festas que non conten con capacidade de crédito suficiente, nin se motiva o feito de que se puideran estar a formalizar compromisos superando o límite das partidas orzamentarias.

Emprego

A emenda do Bloque propón unha aplicación alternativa dese millón de euros, para que se destinen integramente a aumentar a partida do Plan Municipal de Emprego. Un uso, que Igrexas argumenta diante da situación de “emerxencia laboral” que se vive na cidade. Neste sentido, na emenda faise constar que na cidade de Vigo os datos da última Enquisa de Poboación Activa (1º Trimestre de 2019) publicados polo Instituto Nacional de Estatística, recollen que na nosa cidade se destruíran 2.100 postos de traballo en relación a 2018 e que existen 11.700 empregos menos que no 4º Trimestre de 2009, atinxindo un paro rexistrado de 22.300 persoas. “Estes datos visan unha situación de evidente emerxencia laboral, que engadidos á crecente precariedade se traduce tamén nuns efectos sociais moi lesivos como verifica o feito de existir en Vigo 61 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza”, motiva.

“Todos e todas queremos unhas grandes festas de Vigo, mais cando falamos de recursos públicos temos que priorizar. E o BNG defendemos que se priorice a principal necesidade social desta cidade que é o emprego. Que se prioricen as cousas de comer”, resumiu Igrexas.

A emenda foi ditaminada hoxe nunha Xunta de Voceiros extraordinaria, na que o concelleiro do BNG si puido participar xa que se celebraba coas funcións de Comisión Informativa. Na mesma só recibiu o apoio do BNG e da Marea de Vigo, sendo acordado ditaminar o seu rexeitamento pola maioría absoluta do PSOE e recibindo “a abstención cómplice” do Partido Popular. No entanto, a emenda nacionalista, que foi a única formulada, será igualmente tramitada, debatida e votada no Pleno da Corporación.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.