O BNG propón implantar no Concello de Vigo un Plan de Pago Personalizado de impostos e taxas

A iniciativa permitiría que todas as persoas físicas, as PEMEs e as entidades sen ánimo de lucro puidesen fraccionar até en doce mensualidades o pago dos impostos e taxas sen ningún tipo de recargo nin xuros.
Publicado por o día 10/08/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG propón implantar no Concello de Vigo un Plan de Pago Personalizado de impostos e taxas

O Bloque Nacionalista Galego proporá dotar o Concello de Vigo dun Plan de Pago Personalizado para o abono de impostos e taxas. Desta maneira, todas as persoas físicas, as PEMEs e as entidades sen ánimo de lucro poderían fraccionar o pago dos tributos municipais en até doce mensualidades sen ningún tipo de recargo nin a aplicación de xuros. “Nunha situación de solvencia económica e financeira como a que atravesa o Concello é momento de facilitar o pago de impostos reducindo o esforzo económico que supón o seu abono”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas defendeu a implantacion dun Plan de Pago Personalizado, fronte as actuais modalidades de fraccionamento que esixen criterios moi restritivos e que limitan o número de pagos, para xeneralizar a posibilidade de pagar en até doce mensualidades os principais impostos e taxas (IBI, imposto de vehículos de tracción mecánica, taxa do lixo, etc). “A cidadanía está cumprindo coas súas obrigas, non hai motivo para non facer máis doado e cómodo o pago dos impostos e taxas municipais”, sostén.

Esta iniciativa será trasladada dentro do conxunto de emendas que a fronte nacionalista vai presentar á proposta de Ordenanzas Fiscais aprobada polo Goberno e que prevé subas de até o 2,5%, por acima do incremento do IPC. As emendas do Bloque daranse a coñecer en detalle a inicios da semana próxima, mais Igrexas xa anticipou que “defenderán avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta”.

Una respuesta para "O BNG propón implantar no Concello de Vigo un Plan de Pago Personalizado de impostos e taxas"

  1. Gamela   10/08/2019 at 2:07

    É imposible que a “clase política” baixe á REALIDADE!
    Eles viven noutro mundo paralelo e estas iniciativas as considerarán “miserentas” !

    Velaí as NÓMINAS da Democracia:
    https://twitter.com/GamelaNova/status/1159026006432407553

    Eles piden o voto, e logo disfrutan dunha vida regalada durante catro anos!

    Se consultades as Declaracións de Bens Patrimonias (recentemente publicadas!) semellan ser pobres de solemnidade (e levan media vida vivindo da política!)

    ¿A ver se os que se van acoller ao Fraccionamento de Pagos son eles?

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.