O BNG propón poñer fin ao dedazo na CRTVG e medios públicos libres da manipulación do PP

Olalla Rodil pide que a Dirección Xeral e o Consello de Administración sexan elixidos en concurso público e baixo criterios profesionais
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de BNG,Política

O BNG propón poñer fin ao dedazo na CRTVG e medios públicos libres da manipulación do PP

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposta para reformar a lei da CRTVG  e frear o control político sobre os medios públicos galegos. A través da reforma da Lei, o BNG propón poñer fin ao dedazo da CRTVG e avanzar nuns medios públicos libres da manipulación do Partido popular. Neste sentido, lembrou que no mes de setembro os traballadores e traballadoras da CRTVG afirmaban que  “se os cambios nas direccións destas empresas públicas de comunicación están vencelladas aos cambios de goberno, é case imposíbel combater as inxerencias políticas”, circunstancia, ao seu xuízo,   que fai máis necesario que nunca, reformar a lei.

Rodil explicou que o texto busca  introducir o “concurso público” como procedemento para a escolla das persoas que integran a Dirección Xeral e Consello de Administración da CRTVG en consonancia coas demandas  do cadro de persoal da CRTVG, Federación de Sindicatos de Xornalistas e Rede de Colexios de Xornalistas, da que forma parte o Colexio Profesional de Galiza. Os medios non poden, asegurou, “ser un mercádeo a gusto dos partidos”. As direccións deben ser elixidas en procesos “abertos e transparentes”, avaliadas polos méritos, traxectorias profesionais, capacidades demostradas e  propostas de actuación que pretenden levar a cabo.

Onte mesmo, explicou,  a Rede de Colexios de Xornalistas facía público un novo manifesto instando a blindar a calidade, profesionalidade, independencia, pluralidade e viabilidade dos medios públicos como servizo para garantir o dereito de acceso universal á información.

Hoxe, dende o BNG propomos seguir o camiño xa trazado por outras entidades profesionais e corporacións como: a Corporación da RTVE neste ano 2018,  a  Radio Televisión Pública Valenciana (RTVV) en 2016, ou antigo Canal Nou pechado polo Partido Popular, ese mesmo Partido Popular que agora usa “Canal Sur como moeda de cambio” nas negociacións para facerse co  Goberno andaluz.

SITUACIÓN INSOSTIBLE NA CRTVG 

Os traballadores e traballadoras da RTVG evidencian cada “Venres Negro” unha situación “insostible”.  Con cada paro parcial,   folga  e mobilizacións convocadas polo colectivo #DefendeAGalega# e  Comité intercentros denuncian  que a actual  Dirección Xeral e o Consello de Administración incumpren a Lei de medios desde o ano 2011 negándose a crear o Consello de informativos, redactar o Estatuto profesional e  asinar o Contrato programa.

A actual  Dirección Xeral, recalcou Rodil,  non conta  co respaldo do persoal e  dos ⅔ da Cámara, como exixe a Lei de 2011, cuestión que ficou en evidencia cando o Pleno votou a proposta de reprobación impulsada polo BNG.

Desde o Grupo parlamentar do BNG estamos convencidas de que para garantir o dereito a que todas as persoas de Galiza dispoñan dun sistema audiovisual que reflicta a realidade con obxectividade e imparcialidade é preciso “desvincular a designación da dirección da CRTVG do Goberno”. Por iso, impulsamos esta reforma que non é punto de chegada senón de partida para recuperar uns medios públicos ao servizo do país.

“Por transparencia fronte á política de despacho. Como garantía de participación das e dos profesionais da comunicación e fixando un prazo mínimo de 10 días para que as organizacións sindicais, entidades profesionais e asociativas do ámbito da comunicación formulen as súas propostas para a creación da Comisión de persoas expertas encargadas da avaliación das candidaturas e para  despolitizar a CRTVG”, a deputada pediu o apoio das forzas políticas á iniciativa do BNG para reformar a Lei da CRTVG.

Os votos en contra do Partido popular impediron que a Proposición de Lei defendida pola BNG, iniciara o seu tramite parlamentario.