– As emendas parciais presentadas polo Bloque no Congreso céntranse na reactivación industrial, o emprego e a mellora das infraestruturas e o transporte da cidade.
O BNG vén de presentar publicamente as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016. Logo de que a maioría absoluta do PP rexeitar a emenda á totalidade formulada pola fronte nacionalista, a deputada Olaia Fernández Davila e máis o Responsábel Local do Bloque en Vigo, Henrique Viéitez, compareceron esta mañá en rolda de prensa para trasladar o contido e obxecto das emendas presentadas ao articulado dos OXE.
15 millóns máis
A nivel local as emendas do BNG supoñen aumentar en 15 millóns 750 mil euros as partidas orzamentarias que o Estado destinará a Vigo.
As demandas concéntranse sobre todo na promoción da actividade económica e a xeración de emprego. “A situación do desemprego na nosa cidade e comarca continúa a ser dramática” explicou Viéitez. Para iso demandan 10 millóns de euros para a posta en marcha dun Plan de reactivación e modernización da industria. “Con esta medida queremos frear o devalar industrial que ten ademais graves consecuencias para o conxunto da actividade económica e a cidade”.
Infraestruturas
As infraestruturas, e singularmente a mellora da conexión da cidade e das súas redes de transporte, son un dos principais aspectos recollidos nas emendas nacionalistas.
Neste capítulo inclúen medidas como a conversión en vía urbana do treito da AP-9 desde Rande até a cidade, a conexión do porto coa estación do tren e máis o aeroporto –”fundamental para garantir unha intermodalidade efectiva”– , a conexión ferroviaria coa Plisan e con Bouzas, a implantanción do tren de proximidade (cercanías) e a mellora do tren Vigo-Tui (incluído mercadorías).
Aeroporto
Pular polo desenvolvemento do aeroporto de Peinador, atendendo a súa importancia como “elemento dinamizador da economía” é tamén outro dos obxectivos das emendas do BNG. Para iso demandan do Goberno Central un Plan de Dinamización da terminal viguesa, dotado con 250.000€. Piden tamén a “necesaria” conexión directa do aeroporto coa AP-9 e a construción dunha área loxística nas proximidades de Peinador para estimular o tránsito de mercadorías.
Exixen tamén que se acometa a necesaria “reordenación de usos na Ría de Vigo” e que se amplíe a depuración ao conxunto da Ría. Para iso propoñen unha partida de 300 mil euros destinada a elaboración dun estudo. Aos que se sumarían outros 150 mil euros destinados á rexeneración das Illas Cíes.
Ademais de reiteraren o reclamo dunha biblioteca estatal (1,2 millóns de euros), as nacionalistas propoñen aumentar a achega económica do Estado ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (50.000€ máis).
Máis política social e I+D+i
A voceira do BNG no Congreso, a deputada viguesa Olaia Fernández Davila, presentou asemade as liñas xerais das emendas nacionalistas referidas ao conxunto de Galiza.
Davila salientou os 150 millóns de euros que defenden destinar a axudas de dependencia. “Para poder atender as persoas que teñen dereito a percibir esas axudas e que por falta de fondos a Xunta non as está a aprobar e para aumentar as contías”, explicou.
Outra das grandes apostas do BNG é que os OXE fagan unha aposta polo I+D+i. Nesa dirección vai a emenda pola que propoñen dotar con 450 millóns de euros un plan de investimento público en investigación, desenvolvemento e innovación. Unha medida que a nacionalista xulga fundamental para mellorar a produtividade e estimular a actividade económica e a creación de emprego que evite a emigración.
Aliás, propoñen dedicar 150 millóns de euros á modernización do sector naval, por ser unha actividade estratéxica para Galiza, e destinar 120 millóns de euros a políticas activas de emprego. Sobre isto último Davila reiterou a súa crítica cara ao Goberno español de Mariano Rajoy por financiar as políticas de emprego a cargo dos fondos da Seguranza Social. Unha decisión, que xunto ao empobrecemento dos salarios e a conseguinte redución das cotizacións, está a colocar a Seguranza Social en número vermellos. Piden tamén aumentar en 100 millóns de euros as partidas destinadas a becas e axudas a estudantes.
RELACIÓN DE EMENDAS DO BNG AOS OXE 2016 REFERIDAS Á CIDADE DE VIGO
-Plan de reactivación económica e industrial da comarca de Vigo 10 millóns €
-Elaboración estudo ordenación ría de Vigo 300.000 €
-Acceso a Peinador dende a AP-9 1.200.000 €
-Estudo conversión tramo AP-9 Rande- Vigo en vía urbana 200.000 €
-Estudo para a conexión do porto-estación AVE-aeroporto 600.000 €
-Biblioteca estatal para Vigo 1.200.000 €
-Estudo de conexión ferrocarril porto de Vigo-PLISAN 300.000 €
-Estudo de mellora da calidade das augas da ría de Vigo 250.000 €
-Recuperación illas Cíes 150.000 €
-Estudo para a construción dunha área loxística próxima a Peinador. 300.000 €
-Estudo para a implantación tren de proximidade 300.000 €
-Estudo para a conexión por ferrocarril da terminal portuaria de Bouzas 350.000 €
-Estudo para a mellora da conexión ferroviaria con Portugal, tramo Vigo-Tui, contemplando tren de proximidade e mercadorías. 300.000 €
-Incremento aportación ao Museo Marco 50.000 €
-Plan de dinamización do aeroporto de Peinador. 250.000 €
TOTAL 15.750.000 €
PRENSA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.