O BNG reclamará no Parlamento o mantemento da atención pediátrica en Coruxo e o seu reforzo en Navia

A fronte nacionalista responsabiliza desta situación a política de recortes coa que o Partido Popular procura desmantelar a sanidade pública.
Por o 12/06/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Sanidad
O BNG reclamará no Parlamento o mantemento da atención pediátrica en Coruxo e o seu reforzo en Navia

A ameaza de supresión da atención pediátrica no centro de saúde de Coruxo é para o BNG de Vigo “inaceptábel”. A fronte nacionalista vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para exixir do Goberno galego o seu mantemento e mais o reforzamento da mesma no centro de saúde de Navia, tamén fortemente masificado.

A próxima finalización da interinidade coa que o Sergas decidiu cubrir unha praza de pediatría vacante por xubilación no centro de saúde de Coruxo disparou todas as alarmas. Segundo denunciou a propia veciñanza a Consellaría de Sanidade non ten previsto garantir a continuidade da atención pediátrica nese centro e mesmo estaría a forzar o traslado de usuarias e usuarios ao centro de saúde de Navia.

“Que o Sergas tente deixar sen pediatra, pola porta de atrás, ás parroquias de Coruxo, Saiáns, San Miguel de Oia e unha parte de San Andrés de Comesaña é unha medida intolerábel e unha mostra clara de que o único que persegue o Partido Popular é o desmantelamento da sanidade pública galega, cebándose especialmente en contra da Atención Primaria”, critica Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo. A situación é especialmente grave sobre todo tendo en conta que durante os meses de verán as parroquias afectadas vén incrementada considerabelmente a súa poboación.

Aliás, o Bloque pon o foco tamén na situación de “masificación” que padece xa o centro de Saúde de Navia , que vén de receber ademais 900 novas cartillas trasladadas do Centro de Saúde de Coia. “Este feito deixa na práctica sen posibilidade material dunha atención pediátrica áxil o que acabará por provocar inevitabelmente a masificación das urxencias do Álvaro Cunqueiro” advirten as nacionalistas. “Falamos da saúde dos e das máis pequenas, e inda así o PP recorta sen pudor”, denuncian.

Emporiso, a través dunha proposición non de lei asinada pola deputada Montse Prado e o deputado Luís Bará, o BNG demanda ao SERGAS que se garanta “a cobertura pediátrica do centro de saúde de Coruxo á maior brevidade posíbel” así como que se dote ao centro de Navia dunha “cuarta praza de pediatría e unha máis de enfermería para atender debidamente á poboación infantil”. Por outra parte, o grupo parlamentar do BNG tamén pedirá explicacións, a través de varias interpelacións ao Goberno galego, dos pasos dados para resolver esta situación.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.