O BNG reivindica en Vigo o Día da Patria Galega que cumpre 50 anos da súa celebración

Luis Bará chama a participar da manifestación do Día da Patria Galega a toda a cidadanía de Vigo que queira a Galiza e desexe futuro digno na nosa terra.
Publicado por o día 19/07/2018 na sección de BNG,Galicia,Política

O BNG reivindica en Vigo o Día da Patria Galega que cumpre 50 anos da súa celebración

BNG realizou esta mañá en Vigo un acto de rúa para a difusión do Día da Patria Galega. Diante do mercado do Calvario, o deputado nacionalista Luis Bará, xunto a outras persoas integrantes do Bloque Nacionalista Galego, participaron deste acto de difusión no que tamén se agasallaron bandeiras galegas á veciñanza.

En declaracións de Bará, o 25 de xullo de 2018 “tórnase unha data se cabe máis especial” xa que se cumpren os 50 anos da recuperación do Día da Patria Galega. “Foi en 1968 cando o nacionalismo, desafiando o franquismo e a represión, reivindicou de novo este día”, afirmou o deputado nacionalista.
Para Bará, o Día da Patria Galega é unha data “para celebrar o orgullo de pertencer a Galiza e para defender os dereitos sociais e nacionais do noso pobo”. Nese sentido, explicou que o lema co que o BNG convoca a mobilización deste Día da Patria Galega, “Unha idea clara: sumar por Galiza” fai referencia ao compromiso do nacionalismo de aglutinar a toda a diversidade e pluralidade do pobo galego que desexe unha Galiza mellor, con traballo e oportunidades, con dereitos sociais e liberdade de expresión, unha Galiza ceibe soberana con dereito a decidir sobre o seu propio futuro.

A soberanía como necesidade social a debate

As actividades da III Semana da Patria Galega en Vigo, organizada por BNG e Galiza Nova, conclúen este venres 20 de xullo cunha mesa redonda titulada “A soberanía como necesidade social”. O debate desenvolverase na Libraría Andel (Camelias 102, Vigo) a partir das 20h, e contará coa participación de representantes de diferentes movementos sociais e colectivos.

Na mesa redonda tomarán a palabra referentes do sindicalismo, o feminismo, a loita en defensa dos servizos públicos, o activismo medioambiental e o mundo da cultura, coa intención de “explicar de maneira pedagóxica a importancia de atinxirmos a plena soberanía nacional como instrumento para resolver os problemas e necesidades sociais do noso pobo”, apuntan desde a fronte nacionalista.