O BNG responsabiliza á xunta do caos en Cíes e pide a xestión pública do transporte marítimo da ria de Vigo

Pontón cualifica de “nefasta e incompetente” a xestión da Xunta e anuncia que o BNG pedirá que compareza o goberno no Parlamento galego para dar explicacións da falta de control na sobrevenda de billetes
Por o 23/08/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG responsabiliza á xunta do caos en Cíes e pide a xestión pública do transporte marítimo da ria de Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón responsabilizou hoxe á Xunta de Galiza da crise producida en Vigo pola sobrevenda de billetes ás Illas Cíes. As Illas Cíes, dixo, “non son Benidorm e Feijóo nos últimos anos danou gravemente a imaxe de Cíes, Vigo e Galiza poñendo en cuestión o funcionamento dun parque natural de inmenso valor ecolóxico, cultural e emocional”.

A nacionalista, que visitou hoxe a Estación marítima de Vigo acompañada do responsable e portavoz local  do BNG, Serafín Otero e membros do BNG, responsabilizou á Xunta de “falta de control na venda de billetes e  permitir que a burbulla das Cíes crecera desmesuradamente para acabar estoupando” como aconteceu estes días.

Para a portavoz do BNG, antes de que finalice o mes de agosto, “a Xunta debe comparecer no Parlamento para asumir a súa responsabilidade nesta crise”.

Por outra parte, anunciou que fronte a “inoperancia da Xunta” o BNG propón poñer en marcha medidas a curto prazo entre as que destacou: “un protocolo de vixilancia das visitas e  un único billete obrigatorio  para todas as navieiras co fin de evitar a venda  de máis billetes dos establecidos”.

Pontón asegurou que o acontecido cos billetes ás Illas Cíes evidencia “o fracaso da privatización” do transporte de ría polo que a Xunta debe dar un paso adiante cara a creación dunha “compañía pública” que xestione as visitas a Cíes e Ons e ofreza un servizo público á altura das necesidades dos usuarios e usuarias”. Esta medida, engadiu, “restablecería a xestión competente do Parque Nacional das Illas Atlánticas e aportaría beneficios para todos os veciños e veciñas de ambos lados da Ría de Vigo”.

Asemade, Pontón considerou que ante a crise de Cíes, a Xunta sobreactuou para evitar que se evidencie a súa “incompetencia” durante anos e mesmo apelando  á Fiscalía para que actúe. En opinión da portavoz do BNG, a que debe actuar é a Fiscalía de Medio Ambiente para investigar a responsabilidade da Xunta e a súa “indolencia e desleixo”. A Xunta non pode escudarse en responsabilizar ás empresas que xestionan os barcos porque a xestión do Parque natural de Cíes é “a súa responsabilidade e gustaríanos que a Fiscalía de oficio analizara si existe responsabilidade de tipo penal no incumprimento da normativa e por mirar para outro lado nesta crise”.

Pola súa parte, o responsable local do BNG, Serafín Otero lamentou a imaxe que se está a trasladar da cidade de Vigo e reiterou que a Xunta é responsable da “catastrófica xestión na venda de billetes” cando contaba con información suficiente sobre o número de visitantes que xa duplicaban o número establecido. Dende o BNG non aceptamos ampliar o cupo de visitas, queremos “ampliar os días e que as navieiras non segan utilizando  as Cíes exclusivamente como un negocio”.

Otero criticou o enfrontamento entre o goberno vigués e a Xunta nalgúns proxectos importantes para a cidadanía de Vigo e lembrou que xa existe a solicitude para declarar as Illas Cíes ante a Unesco como Patrimonio da Humanidade e eses enfrontamentos, dixo,   e o caos dos últimos días non axudan a acadar un “turismo sostible e de calidade”.