O BNG solicita para 2019 o incremento en 30 millóns de euros para o financiamento das universidades

A xuntanza contou tamén coa participación do candidato á alcaldía, Xabier Pérez Igrexas
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O BNG solicita para 2019 o incremento en 30 millóns de euros para o financiamento das universidades

“As universidades galegas están facendo moito cos recursos que teñen pero estes recursos son insuficientes e, polo tanto, cremos que para poder dar o salto adiante que se precisa é necesario que se incremente o financiamento universitario”. Así de contundente se amosou este mércores a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego Ana Pontón tras a xuntanza mantida co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, unha xuntanza na que defendeu a necesidade de que “como mínimo” se incremente en 30 millóns de euros o financiamento universitario no ano 2019, xa que o actual plan de financiamento se elaborou nun contexto de crise e de graves restricións económicas e, “unha vez que hai máis recursos, sería importante que se lle deixe de apertar o cinto ás universidades para que poidan respirar e cumprir obxectivos que son importantes”.

Acompañada polo candidato á alcaldía de Vigo Xabier Pérez Igrexas; a portavoz parlamentaria de Educación, Olalla Rodil, e o responsable comarcal do BNG, Manuel Caride, a portavoz da formación nacionalista agradeceu ao novo equipo reitoral o feito de “abrinos as portas da súa casa” e así poder explicarlle as súas propostas e preocupacións, que xiran en torno a tres cuestións básicas: financiamento, bolsas e investigación. “A reunión foi moi frutífera e concordamos na maior parte dos temas que tratamos sobre o país e sobre o papel que a Universidade ten que xogar na promoción da innovación e na súa relación coa cidade e coa sociedade en xeral”, subliñou o reitor vigués, quen agradeceu a visita dos responsables do BNG, dada a importancia, destacou, “de que os grupos políticos teñan interese pola universidade, institución que estamos convencidos debe ser un dos motores do país”.

“30 millóns de euros máis en financiamento significaría poder reverter os recortes, contar con máis medios para completar equipos de investigación e poder situar a universidade no principal reto que temos como país que é situarnos como unha potencia na innovación”, salientou a responsable nacionalista, ao que Reigosa engadiu que calquera mellora no financiamento universitario axudaría a “rexuvenecer os cadros de persoal e captar talento de altísimo nivel”, aspectos que cualificou como prioritarios.

Triplicar os fondos destinados ás bolsas

Ao marxe das cuestións relacionadas co financiamento propiamente dito, a portavoz nacionalista salientou a importancia de promover medidas reais que garantan a igualdade real de oportunidades no acceso á universidade. Neste sentido, lembrou a importancia de que Galicia recupere competencias na xestión das bolsas de axuda ao estudo e, “mentres isto non sexa así”, o esforzo que debe facer a Xunta de Galicia en relación coas bolsas debe ser maior, “de feito a nosa idea é triplicar estes fondos e primar sempre que o importante sexan os criterios económicos, de maneira que a filla dunha traballadora teña os mesmos dereitos ca o fillo dun empresario”.

Afianzar a Vigo como capital galega da I+D+i

Un terceiro aspecto no que afondaron ao longo da entrevista foi na necesidade de afianzar a Vigo como capital galega da innovación  e a tecnoloxía. “Desde o Bloque temos claro que é necesario recuperar o pulso industrial desta cidade e que iso só o podemos facer a través innovación e, por tanto, dunha aposta estratéxica pola propia Universidade de Vigo”, subliñou Pontón, ao que engadiu que a idea da formación nacionalista é mobilizar recursos, medios e, sobre todo, sinerxías entre todos os actores implicados.

Ao marxe desta cuestións, o reitor vigués salientou que se trataron tamén cousas moi concretas coma o transporte ao campus de Vigo, un aspecto no que tamén fixo fincapé o candidato á alcaldía, que manifestou “a necesidade de mellorar este aspecto, unha das principais demandas do alumnado e sobre o que o Concello de Vigo non leva feito nada nos últimos anos”, ao que engadiu que o compromiso do BNG pasa por “integrar a universidade na cidade”.