O BNG traslada ao Parlamento a situación de Noa Madera ante a un Goberno do PP cruzado de brazos cando hai 150 empregos en risco

Pontón mantén un encontro cos traballadores e traballadores e reafirma o empeño do Bloque en derrogar a contrarreforma laboral que facilita despidos e abusos
Publicado por o día 02/06/2020 na sección de BNG,Política

O BNG traslada ao Parlamento a situación de Noa Madera ante a un Goberno do PP cruzado de brazos cando hai 150 empregos en risco

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o apoio do BNG ao traballadores e traballadoras de Noa Madera ante a ameaza da perda de 150 empregos, o que situaría á empresa ao borde da desaparición nunha comarca como Ferrolterra que leva moitos anos padecendo a desertización industrial e ás portas dunha crise económica e social derivada da pandemia.

A líder nacionalista avanzou que o BNG vai presentar ante á Deputación Permanente do Parlamento unha iniciativa para que o Goberno de Feixóo explique que actuacións están levando a cabo para impedir a perda dos empregos nesta empresa afincada no Polígono de Vilar do Colo.

“Cada emprego é fundamental e non imos permitir que unha empresa viable e con capacidade para producir sexa desmantelada por intereses do grupo empresarial que a adquiriu, porque Noa Madera conta con experiencia e traballadoras e traballadores capaces”, salientou tras a reunión co cadro de persoal, xuntanza na que tamén participou o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas, o candidato pola comarca Mon Fernández así como o rexedor de Fene, Juventino Trigo.

Pontón, tras escoitar aos traballadores e traballadoras, denunciou que a estratexia da dirección do Grupo Malasa é desmantelar unha empresa viable e que, para iso, conta cun aliado nas contrarreformas laborais en vigor, pois facilitan estas prácticas porque abaratan o despido e recortan dereitos laborais. Neste sentido recalcou que “é necesario derrogar as contrarreformas laborais que precarizan e facilitan os abusos, e desde o BNG pedimos a derrogación dunha normativa que supón unha ruína para a clase traballadora”.

A situación de Noa Madera, con 150 empregos na picota, está dentro do contexto de desertización industrial tras once anos de Executivo do PP na Xunta sen ter unha folla de ruta para o sector industrial do país. “Once anos de Goberno de Feixóo sen política industrial teñen estas consecuencias, porque cada vez hai máis empresas en crise ante un presidente do Goberno que permanece de brazos cruzados”, denunciou Pontón, moi crítica coa inacción do candidato do PP.

“Non entendemos un goberno cruzado de brazos mentres se está destruíndo emprego. Que está facendo o presidente da Xunta para darlle unha alternativa aos traballadores e traballadoras de Noa Madera, ou que fai para darlle unha alternativa aos traballadores de ALCOA que hoxe están pechados? O que non podemos é permitir e que ante situacións como esta teñamos un goberno que non move un dedo e que non fai nada aparte de tirar balóns fora”, alegou.

Dende o BNG, subliñou, “seguiremos presentando alternativas ás empresas en crise e no caso concreto de ALCOA esa alternativa é moi clara: nacionalización e tarifa eléctrica galega para que a riqueza eléctrica se utilice para o desenvolvemento económico, para crear emprego e para garantir a produción en sectores estratéxicos como o do aluminio. Esta situación evidencia a necesidade dun cambio real neste país, ante un balance desastroso de Feixóo en materia industria, “que o leva a fuxir dos debates e do contraste de propostas ante a cidadanía”.

Debate a dobre volta

O BNG, salientou Pontón- “puxo sobre a mesa a posibilidade dun debate a dobre volta no proceso electoral precisamente para transmitirlle aos galegos e as galegas as alternativas de cada forza política para a sanidade, a educación, para os traballadores e traballadoras de ALCOA, de Noa Madera e de tantas outras empresas. Feixóo cala porque quere fuxir dos debates, porque sabe que o balance industrial destes once anos é un desastre”. “Insistimos en que os galegos e galegas teñen dereito a un debate a dobre volta nos medios de comunicación públicos para o contraste de ideas e pídolle ao candidato do PP que dea a cara”, recalcou.