O BNG, única forza política en garantir o sistema de compostaxe en Pontevedra

O candidato Miguel Anxo Fernández Lores defendeu esta mañá que os demais partidos están en contra da compostaxe, un proxecto no que todos os veciños e veciñas están a favor.
Publicado por o día 18/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Pontevedra

O BNG, única forza política en garantir o sistema de compostaxe en Pontevedra

O candidato á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou esta mañá que o BNG é a única forza política que garante o sistema de compostaxe en Pontevedra xa que os demais partidos políticos están en contra. Afirmou que “o único que está a tirar da compostaxe” é o BNG. E a pesar das “trabas” que están a pór o resto de forzas, “os cidadáns están a favor”. Polo tanto, garantir a implantación do sistema de compostaxe en todo o concello só é viable se o BNG e o seu candidato, Miguel Anxo Fernández Lores, acada a maioría suficiente para xestionar con folgura o vindeiro Goberno municipal.

Nun acto celebrado ante os centros de compostaxe comunitaria de Eduardo Pondal en compañía de grande parte da candidatura, de militantes e simpatizantes do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores comprometeu o avance do tratamento de biorresiduos no vindeiro mandato que permitirá que Pontevedra sexa a primeira cidade en Europa en cumprir coas directrices da UE, así como da lexislación estatal e galega.

O candidato lembrou que “o rexeitamento inicial que houbo -moi anecdótico- estivo propiciado pola oposición”, e na actualidade hai moitísima xente que participa ou quere participar deste proxecto pioneiro que require concienciación, colaboración activa dos veciños e veciñas, e traballo porta a porta para que funcione.

Os composteiros comunitarios, convertidos xa en mobiliario público, “están asumidos socialmente”, explicaba Fernández Lores quen desvelou que “moitos barrios queren centros de compostaxe” xa que cando se abre un novo moitas persoas doutros barrios se achegan a compostar e se enchen máis rápido do previsto. Aos centros de compostaxe comunitaria tamén se suman os composteiros individuais que se despregarán polo rural de xeito masivo no vindeiro mandato.

A finalidade da compostaxe é recoller o 100% dos biorresiduos e empregalos para múltiples usos, sen consumos de enerxía na súa fabricación e sen gasto enerxético na súa recollida. “Estamos falando de procesos que van na liña correcta da sustentabilidade e da cidade que estamos a construír, evitando o avance do cambio climático. Ao igual que o fixemos antes coa mobilidade, ímolo a facer agora coa compostaxe”, aclarou Miguel Anxo Fernández Lores.

Amosouse orgulloso do que “estamos facendo entre todos, de que os veciños e veciñas participen no proxecto”.