O BNG urxe a convocatoria das OPE pendentes para reforzar con máis persoal o corpo de bombeiros de Vigo

O candidato nacionalista pide ter un parque á altura dunha cidade de 300.000 habitantes e non dunha de apenas 100.000 garantindo como mínimo 150 bombeiros.
Publicado por o día 24/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG urxe a convocatoria das OPE pendentes para reforzar con máis persoal o corpo de bombeiros de Vigo

VIGO, 24 de maio de 2019.- O candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas mantivo hoxe un encontro con representantes sindicais dos bombeiros da cidade no que volveu recoller a súa preocupación polas condicións que padecen. Falta de persoal, ausencia de medios e unha situación que no cambiou nin un ápice nos últimos meses, fan que Igrexas volva remachar que co BNG na corporación a partir do próximo domingo, a prioridade será atender ao corpo de bombeiros cos medios necesarios e mudar unha situación, agora, insostíbel.

O candidato da fronte nacionalita volveu manifestar a súa enorme preocupación dun “modelo fracasado no que insiste o Partido Socialista e que deixa a cidade sen bombeiros”. Así llo a Miguel Ucles e Fernando Solveira, da sección sindical da CIG, cos que se reuniu esta mañá. “Vigo non se pode seguir permitindo ter un parque de bombeiros que está á altura dunha cidade de 100.00 habitantes, necesitamos un parque que estea a altura das necesidades dunha cidade de 300.000 e iso pasa en primeiro lugar, por garantir de maneira efectiva que como mínimo haxa 150 efectivos” remacha Pérez Igrexas. Na actualidade o plantel é de só 110, cun 20% en situación de baixa e a metade maiores de 50 anos.

Ante a inacción e a xestión nefasta por parte do goberno municipal, o candidato nacionalista esixe acabar coa situación de parálise e urxe a convocatoria inmediata das ofertas de emprego público do ano 17, 18 e 19 para aprovisionar canto antes do número de bombeiras e bombeiros necesarios para a cidade: “Estamos moi preocupados pola actual situación, ás portas do verán, sen que haxa marxe temporal para convocar e realizar estas OPES en menos de dous ou tres meses porque non vemos vontade política para facelo. Imos enfrontar o verán cunha verdadeira situación colapso no servizo de bombeiros da cidade” insiste preocupado sen esquecer a vaga de lumes que asolagou Vigo no 2017 e colapsou o servizo.

Decretazo

Igrexas criticou que a única decisión que foi capaz de tomar o actual goberno municipal foi a decretar a obrigatoriedade das horas extras para atender o servizo, que “é tanto como decretar a sobrecarga de traballo e poñer mesmo en risco a seguridade dos bombeiros e da súa capacidade operativa. Pero tamén a seguridade das viguesas e os vigueses”,

engadiu. Amósase preocupado de ver que a única política que aplicou “o que se di un goberno socialista e dende un departamento de persoal que dirixe un ex sindicalista, foi a de obrigar a esas horas extras levando ao cadro de persoal a unha situación límite”, dixo Igrexas.

Un modelo fracasado

Para o candidato á alcaldía o decreto é expresión dun modelo fracasado porque non logrou garantir o mínimo de 20 bombeiros que teñen que estar despregados a nivel operativo na cidade. “Non houbo efectividade nese sentido e o único que se está xerando é unha situación de sobrecarga, de cansanzo e de mazar nun colectivo laboral que desenvolve un traballo duro e penoso e cunha forte exposición tóxica que esixe dunhas condicións físicas e dun mínimo nivel de descanso que a día de hoxe non existe”, denunciou.

“O que lle trasladamos ao colectivo de bombeiros é máis unha vez, o noso total apoio e o noso compromiso de que un BNG determinante e decisivo no pleno da corporación a partir deste domingo vai facer que se atenda de maneira urxente dotar dos medios necesarios ao corpo de bombeiros desta cidade”, recalcou Xabier P. Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.