O BNG urxe investir na rede ferroviaria para que Galiza deixe de ter “un tren do século XIX”

O deputado Luís Bará denunciou que o corte durante dez días da conexión entre Vigo e Ourense evidencia o pésimo estado da rede de ferrocarril.
Por o 13/03/2018 | Sección: BNG,Política,Vigo
O BNG urxe investir na rede ferroviaria para que Galiza deixe de ter “un tren do século XIX”

Un movemento de terras en Arbo volveu provocar a suspensión do tránsito ferroviario. Este corte, que se prolongará durante dez días, suporá a supresión de 16 conexións diarias entre Vigo e Pontevedra con Ourense, a meseta, Bilbao e Barcelona. “Esta situación pon en evidencia o mal estado da infraestrutura, a falla de investimentos nos últimos anos, e o feito de que temos un tren do século XIX” denunciou o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará.

Nese sentido, Bará anunciou que a fronte nacionalista presentará na cámara galega novas iniciativas para urxir investimentos que “melloren a rede ferroviaria, aposten na conexión con Portugal a través da saída sur e resolvan o feito de que o tren continúe a pasar por medio da vila do Porriño”. “Temos un moi mal servizo de comunicación ferroviaria, en frecuencias e horarios e tamén en tempos de viaxe” valorizou o deputado. “Seguimos chegando antes en autobus que en tren”, remachou.

Tren estratéxico para Vigo

Para o BNG a potenciación do tren de proximidade e unha mellora substancial das conexións de media distancia son factores esenciais para un política de mobilidade sustentábel e que vertebre o territorio.

A este respeito, o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, reclamou “compromisos reais e efectivos” por parte do Goberno español e da Xunta de Galiza para reforzar o tren en Galiza. “Se dedicaran a metade do esforzo que gastan en propaganda do AVE –que non da chegado– en poñer recursos e medios para mellorar a conexión por tren Galiza seríamos unha potencia ferroviaria”, ironizou Otero. En opinión do dirixente nacionalista para a cidade de Vigo “unha mellor conexión ferroviaria e, especialmente, a saída sur” é algo “estratéxico”.

Aliás, Otero, volveu urxir a posta en marcha da estación intermodal na nova estación “inda por rematar”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.