O BNG urxe o Concello a garantir a plena seguridade no estadio municipal de Balaídos

O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, reclama que se faga público o informe de seguridade realizado por un especialista, segundo declaracións do alcalde, hai dúas semanas na grada de Marcador.
Por o 16/12/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG urxe o Concello a garantir a plena seguridade no estadio municipal de Balaídos

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo amosa a súa “enorme preocupación” diante das imaxes do mal estado de mantemento e conservación da grada de Marcador do estadio municipal de Balaídos, e que transcenderon publicamente nas últimas horas. Neste sentido, o Bloque urxe o Goberno municipal a “garantir a plena seguridade” no estadio.

O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, demanda ao Goberno municipal que faga público o informe de seguridade realizado por un especialista, segundo declaracións públicas do propio alcalde, hai dúas semanas na grada afectada. Nunha instancia dirixida ao alcalde, e que foi formalmente presentada esta mañá a través do rexistro telemático do Concello de Vigo, Pérez Igrexas demanda ademais que informe de cal é o plan de actuacións e os prazos para acometer as reparacións. “A afección, en primeiro lugar, pero o conxunto das veciñanza de Vigo temos dereito a saber cal é a situación real dunha instalación pública á que acceden millares de persoas”, afirmou.

Igrexas demandou que se “poña por diante a total seguridade e plenas garantías para a integridade física das persoas”. “Cando falamos da seguridade non nos podemos permitir a máis mínima marxe de risco”, acrecentou. Emporiso, o candidato nacionalista insta o Concello a efectivizar “de inmediato” todas as reparacións que sexan necesarias. Aliás, lamentou que desde a administración municipal non se teñan atendido as demandas e advertencias que se lle formularon por parte da Federación de Peñas do Celta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.