O BNG volve demandar a implantación da zona verde no estacionamento regulado de Vigo

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, urxe aplicar esa medida que xa está prevista na actual ordenanza municipal para paliar o grave problema de aparcamento para residentes do Casco Vello e zona centro.
Publicado por o día 21/11/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG volve demandar a implantación da zona verde no estacionamento regulado de Vigo

Diante do problema de estacionamento para residentes do Casco Vello e zona centro, o BNG de Vigo vén de reiterar a súa proposta de implantación da “zona verde”, reservando prazas para esta finalidade dentro dos estacionamentos actualmente regulados na XER (zona azul). Así o defendeu o concelleiro Xabier P. Igrexas a través dunha interpelación ao Goberno municipal na última xuntanza da Comisión Informativa de Seguridade.

No concreto, a fronte nacionalista suxire que se habilite a zona verde, ou zonas de dobre delimitación azul e verde -con reserva para residentes limitadas a algunhas faixas horaria-, nos sectores 1 e 5 da vixente ordenanza municipal e que abranguen as rúas Cánovas del Castillo, Carral, García Olloqui, Luis Taboada, Marqués de Valladares, Praza de Compostela, Reconquista, Velázquez Moreno, Progreso, Paseo de Granada, Pracer, Ronda de Don Bosco, María Auxiliadora, Joaquín Loriga, Ecuador, Venezuela, Finisterre, O Pilar, López de Neira, e Taboada Leal.

“A zona verde existe xa en moitos municipios e é un medio eficaz para permitir que en contornas con estacionamento limitado as e os residentes poidan dispoñer dun número de prazas suficiente”, explica o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas. Esta medida debería acompañarse tamén pola ampliación das zonas de estacionamento regulado a outros ámbitos próximos ao Casco Vello, tanto na súa parte baixa como alta e especialmente nos arredores da Praza do Rei.

Tempo máximo na zona azul

Por outra parte, Igrexas tamén reaccionou perante o anuncio realizado nos últimos días por parte do alcalde a respeito dunha hipotética ampliación até 4 horas do período máximo de permanencia dos vehículos estacionados en zona azul.

Neste sentido, o portavoz nacionalista lembrou que a existencia do estacionamento regulado non ten un obxectivo económico nin de recadación e expresou as “reticencias profundas” do Bloque cara a esa medida que comprometería a rotación de vehículos. “A zona azul só pode existir se é para facilitar que mediante a rotación haxa unha maior accesibilidade para o aparcamento en lugares onde hai unha elevada demanda e poucas vagas de aparcamento, sobre todo en horario laboral. Non pode ser un medio de recadación”, subliñou. “Non podemos permitir que alongando a 4 horas o tempo máximo o Goberno municipal converta as rúas do centro nunha especie de parking privado de pago en superficie”, acrecentou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.