O BNG volverá levar ao Parlamento que o Estado asuma o financiamento do porto de Punta Langosteira

Ana Pontón: “Non nós valía o marco de que se paguen as obras vendendo a cidade da Coruña nin en 2008 nin agora en 2018”
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de A Coruña,BNG,Galicia,Política

O BNG volverá levar ao Parlamento que o Estado asuma o financiamento do porto de Punta Langosteira

O BNG volverá levar ao pleno do Parlamento o financiamento do porto exterior de Punta Langosteira para demandar que unha obra que é do Estado sexa financiada polo Estado e non con cargo a venda de terreos que son propiedade da cidade da  Coruña, como establece o “convenio da vergoña” asinado entre  Feixóo e o Goberno central de Mariano Raxoi.

Unha proposta que foi rexeitada na Cámara galega co voto do presidente da Xunta e de todos os deputados e deputados do PP fai apenas dous meses, os mesmos que agora rachan as vestiduras porque outros territorios defenden os seus intereses.

“Para o BNG que o Estado diga que unha obra estatal como é a do porto exterior de Punta Langosteira hai que financiala a costa de vender a cidade da Coruña é un marco que non aceptamos nunca, non nos valía nin no 2004, nin no 2008, nin no 2018”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que cualificou de “desalentador” ver como hai forzas políticas como o PP que só reaccionan contra a discriminación do Estado con Galiza cando outros territorios obteñen logros en defensa dos seus intereses.

“Valencia ten dereito a poñer enriba da mesa as propostas que considere. O grave é que o presidente da Xunta puxo sobre a mesa como única proposta a venda de terreos que son dos e das coruñesas para pagar obras do Estado, unha auténtica barbaridade”, denunciou. “Confiamos en que desta vez todas as forzas políticas apoien unha proposta que non debería admitir discusión, que o Estado cumpra co financiamento dos portos galegos, recalcou.

Pontón avanzou que o obxectivo do BNG é dar un paso máis e acadar a transferencia dos portos de interese xeral en Galiza, que están sendo discriminados polo Goberno central, cos que fai caixa obtendo grandes beneficios da actividade portuaria galega.