O brote de coronavirus da Mariña redúcese noutros 19 casos activos respecto ao día de onte

Os casos activos vencellados ao brote da Mariña pasan dos 138 de onte aos 119 que hai hoxe, tras un positivo e vinte altas
Publicado por o día 18/07/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Lugo,Salud,Sanidad

O brote de coronavirus da Mariña redúcese noutros 19 casos activos respecto ao día de onte

Nas últimas horas reduciuse noutros 19 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 77 PCR realizadas nesta última xornada, unha resultou positiva. A maiores, nas últimas horas, outras 20 persoas positivas en covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 119, é dicir, 19 menos ca onte. Dende o inicio do brote e ata o día de hoxe son máis de noventa as persoas afectadas por covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta.

Das 77 PCR realizadas nas últimas horas a persoas relacionadas con este brote, unha arroxou resultado positivo. As restantes 76 foron negativas. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.

Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se seguen a detectar nesta área están relacionados co brote, o que permite seguir a trazabilidade dos casos e continuar na estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar a transmisión e conter o brote.

O primeiro caso de infección por covid-19 no brote da Mariña detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os novos contactos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.

Dos 119 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Nestes momentos hai 459 persoas en seguimento domiciliario, 26 menos ca onte.

O departamento sanitario da Xunta actuou e segue a actuar con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos que foron xurdindo, o que está a permitir controlar o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial do Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida.

Destacar tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público da Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostraron nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.

Engadir, ademais, que a Consellería de Sanidade segue a realizar probas diagnósticas completas aos colectivos máis expostos á covid-19 dos concellos do distrito sanitario da Mariña. A realización das probas epidemiolóxicas iniciouse polos profesionais sanitarios e estase a estender ao resto de colectivos e profesionais que estiveron expostos á covid neste distrito sanitario.

Dende o Sergas queremos lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade, hixiene de mans…

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa covid-19.

Comentar noticia

Your email address will not be published.