O Camiño da Nosa Sra. do Norte, en Tebra, última xeira organizada polo Concello de Tomiño en colaboración co IEM

Será este xoves e estará guiada por Antonio Soliño Troncoso, acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Galicia,Tomiño

O Camiño da Nosa Sra. do Norte, en Tebra, última xeira organizada polo Concello de Tomiño en colaboración co IEM

O ciclo estival de xeiras polo patrimonio histórico e etnográfico de Tomiño organizadas polo Concello coa colaboración do IEM (Instituto de Estudos Miñoranos), chega a seu fin mañá xoves, 29 de agosto.

A ruta, denominada “Camiño da Nosa Señora do Norte. Ollando cara a Tebra”, sairá da Igrexa Parroquial de Santa María de Tebra, ás 18.30h e será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

O percorrido estará acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos e terá unha lonxitude de 3.80 km. e unha duración aproximada de 3 horas.

Segundo adianta Antonio Soliño, durante esta última xeira, “darase continuidade ás que levamos realizando os últimos anos; veremos e comentaremos retallos dun notable patrimonio histórico, etnográfico e artístico. Falaremos de seculares formas de ordenación do territorio, trataremos a arquitectura vernácula, lembraremos ritos e costumes creados para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural respecto do alén, e transitaremos por belos espazos románicos ideados e construídos por mestres canteiros do século XII. Na distancia sempre a imaxe da renacentista Torre de Tebra, a cuxo fundador visitaremos na súa tumba”.

A concelleira de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, Ana Isabel Fernández Carrera, salienta a boa aceptación do ciclo de saídas e xeiras organizadas polo Concello durante o verán, co fin de dar a coñecer e por en valor os elementos patrimoniais máis salientables do municipio.

Recoméndase levar roupa e calzado cómodos e algunha prenda de abrigo.