O Camiño de Santiago reforza a súa presenza en Estados Unidos cunha nova exposición en Boston e no Instituto Cervantes de Chicago

A Consellería de Cultura e Turismo organiza, co patrocinio de Correos, a mostra ‘The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage’ que se inclúe durante esta fin de semana na programación do Camino Film Festival Boston
Publicado por o día 12/10/2018 na sección de Turismo

O Camiño de Santiago reforza a súa presenza en Estados Unidos cunha nova exposición en Boston e no Instituto Cervantes de Chicago

O Camiño de Santiago reforza desde hoxe e durante os vindeiros meses a súa presenza en Estados Unidos grazas á exposición The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage, a iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo co patrocinio de Correos que amosa a riqueza e diversidade da experiencia contemporánea da peregrinación a través de diferentes fotografías e material audiovisual.

A exposición, obra do fotógrafo Manuel Valcárcel, poderá verse primeiro durante esta fin de semana no Emerson College, do Campus de Harvard, na cidade de Boston como parte das actividades da primeira edición do Camino Film Festival, unha iniciativa audiovisual na que se proxectarán películas sobre o fenómeno xacobeo. A seguinte parada será o 18 de outubro no Instituto Cervantes de Chicago, onde permanecerá ata o mes de xaneiro.

As imaxes e a peza audiovisual que forman parte de The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos en contacto permanente co medio natural e o pasado histórico da ruta xacobea. Reflicten, ademais, o encontro do peregrino consigo mesmo, con outros peregrinos, compañeiros de ruta, coa poboación local e co marco dun Camiño de Santiago universal e aberto.

Crecente internacionalización

Esta exposición enmárcase dentro das accións de promoción e divulgación cultural ao redor do fenómeno xacobeo que son tidas moi en conta no Plan director do Camiño de Santiago, que inclúe medidas de impulso a iniciativas que axuden a posicionar no eido internacional a Galicia a través do Camiño de Santiago, seu principal recurso.

Esta exposición contribuirá a reforzar o coñecemento do Camiño de Santiago entre os estadounidenses, un dos mercados internacionais que máis peregrinos están a aportar á ruta xacobea. Nos últimos anos, Estados Unidos estase a consolidar como o terceiro mercado estranxeiro do que proveñen máis peregrinos, só por detrás de Italia e Alemaña. No que levamos de ano, o número de peregrinos de EEUU está a medrar a un ritmo de case o 6% en relación ao ano pasado, superando xa os 16.000 peregrinos.