O camiño Portugués e a súa variante costeira difúndese ata decembro en Braga coa exposición en 3D ‘DE MAR A MAR’

Con esta mostra itinerante, a Consellería de Cultura e Turismo vén impulsando durante todo o ano ambos itinerarios en diferentes puntos de Galicia e Portugal
Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Turismo

O camiño Portugués e a súa variante costeira difúndese ata decembro en Braga coa exposición en 3D ‘DE MAR A MAR’

A cidade portuguesa de Braga acolle desde hoxe e ata principios de decembro a exposición itinerante De mar a mar, como parte da programación do Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa que a Consellería de Cultura e Turismo está a celebrar durante todo este 2018, como establece o Plan director do Camiño de Santiago.

A mostra está composta por imaxes de grandes dimensións en 3D, realizadas coa técnica estereográfica, que retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos tanto do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa como do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra e Muxía, as catro rutas nas que o Plan director do Camiño de Santiago vén priorizando os investimentos nestes dous últimos anos coa vista no Xacobeo 2021.

Con esta exposición, o Goberno autonómico promove durante todo o ano o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa en diferentes puntos tanto de Galicia como do país veciño. Enmárcase nas accións de dinamización sociocultural que se están a levar a cabo en diferentes localidades de ambos itinerarios onde xa estivo presente esta mostra, como Pontevedra, Padrón, Coímbra ou Caldas de Reis.

De Mar a Mar poderá verse ata o 9 de decembro na sala de exposición do Centro Interpretativo da Memória da Misericordia de Braga, situada no Palacio do Raio, de martes a sábados de 10,00 a 13,00 horas e de 14,30 a 18,30 horas.

Sinerxías con Portugal

A inauguración de De Mar a Mar en Braga contribúe a seguir establecendo sinerxías entre Galicia e Portugal e alíñase con iniciativas como o proxecto europeo Fazer Caminho, que aspira a consolidar o Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso cultural e natural transfronteirizo capaz de xerar actividades que contribúan ao seu desenvolvemento.

Tanto o Camiño Portugués como o Camiño Portugués da Costa están a vivir unha moi positiva evolución nos últimos anos. Xuntos aglutinan aproximadamente o 25% dos peregrinos que chegan a Santiago de Compostela. O Camiño Portugués é na

actualidade o segundo itinerario preferido e o Camiño Portugués da Costa o sexto. No que vai de ano, percorréronos máis de 65.000 e máis de 13.000 peregrinos respectivamente