O campus acolle a gravación da webserie ‘Destapando Casares’

O equipo está formado por alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

O campus acolle a gravación da webserie ‘Destapando Casares’

“Nos corredores dunha universidade privada ourensá os segredos son parte do día a día. Profesores e alumnos, todos teñen algo que ocultar. Cando unha conta de Instagram aparece e ameaza con desvelar un segredo que acabará coa reputación de alguén da facultade, todos temen ser os elixidos”. Con este argumento preséntase a webserie Destapando Casares que esta semana se grava no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense.

Unha produción transmedia

A produción enmárcase na celebración do Taller Celanova Plató de Ficción, que se desenvolve cada ano no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova da programación de extensión universitaria do campus de Ourense. “Este taller práctico, dirixido ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, posibilita a produción dunha obra audiovisual nun período de produción concreto e cun orzamento pechado”, explica Paulino Pérez, coordinador do taller e da webserie, que conta co patrocinio das vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra, a Área de Normalización Lingüística, Agadic, a Deputación de Ourense, a Fundación Carlos Casares, Gmprovideo e o Festival de Cine Internacional de Ourense.

A proposta elixida para esta edición do taller, apunta Paulino Pérez, consiste, “na produción dunha obra de ficción transmedia, composta por unha webserie, un blog, os podcast e o seu desenvolvemento nas redes sociais de Instagram e Tinder”. Destapando Casares, sinala o profesor do campus de Pontevedra, “é un proxecto que naceu coa intención de combinar a produción dunha curtametraxe co mundo das redes sociais e plataformas dixitais”. Así, detalla, a serie constará de cinco episodios duns cinco minutos cada un, que serán emitidos ao mesmo tempo a través das diferentes plataformas. En Instagram, apunta Paulino Pérez, “cada un dos personaxes terá un perfil nesta rede e empregaremos os ‘stories’ para subir material inédito da rodaxe, así como pequenas entrevistas aos actores interpretando o seu personaxe ou respondendo a preguntas sobre o episodio”. En Tinder, engade, os personaxes principais terán un perfil como se realmente a estivesen utilizando para atopar amigos ou parella. “A intención é que o público se encontre os nomes e fotos dos actores e vexa ao abrir o perfil que se trata dunha serie online”, afirma o profesor.

Estudantes e profesionais

A webserie ten como protagonistas a tres estudantes e un profesor que toman a iniciativa de investigar, antes de que remate o curso, o que está acontecendo coa conta de Instagram e cales son os segredos que ameaza revelar. Cada personaxe toma unha actitude diferente ante o que está pasando e a investigación continúa ata que chega a un punto morto. “O último día de clase, o sinalado para a gran revelación, hai festa na facultade, pero todos están en tensión. Os protagonistas están perdidos pero non tardarán en descubrir que todos teñen un segredo e que a ameaza está máis preto do que imaxinan”, comentan desde a webserie sobre o seu argumento.

O guión da serie e contidos web desenvolvéronse nos últimos catro meses. Na gravación participan 16 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra. O elenco de actores e actrices está formado por Xavier Estévez, coñecido por series como Padre Casares ou Serramoura; Guillermo Carbajo, que actuou en series como Pratos combinados ou Matalobos; Ánxela Ríos, actriz de por exemplo O sabor das margaridas; Laura Calvo, que ten participado en producións como Serramoura; Inés Silva, actriz de por exemplo Fariña ou El final del camino; Artur López, que ten actuado na curtametraxe Fume, e Raquel Fernández, de series como El final del camino ou Vivir sin permiso. A estrea esta prevista para mediados de setembro aínda que durante as xornadas do curso de Celanova realizarase a proxección do como se fixo da webserie.

Ricardo Araújo é o alumno encargado da dirección da webserie, salientando como con ela “afrontamos un proxecto, cun orzamento, con institucións que poñen diñeiro pero que nos deixan liberdade e temos que responder a esa confianza no resultado final”. Superado o primeiro día de gravación, “que sempre é máis complicado”, destaca o bo ritmo das gravacións e como con elas “estamos aprendendo moito, sobre todo falando cos actores, que nos achegan a súa experiencia para pulir personaxes e guión”. Igual de boas impresións de partida teñen os membros do elenco Laura Calvo e Xavier Estévez. A actriz apunta como “cando lin o guión pareceume unha proposta moi interesante xa que nunca antes fixera unha webserie e tiña ganas. Sobre todo interesoume todo o que se vai facer en redes sociais, é algo moi fresco e moderno”. Pola súa banda Xabier Estévez, que xa participou na gravación da anterior edición do taller, subliña a sinerxía que se dá entre o equipo de estudantes que participa e o elenco de actores e actrices. “Eu tamén tiven que aprender no seu momento e valeume de moito a axuda doutros profesionais. Agora tócame a min achegar a miña experiencia e ao mesmo tempo aprender destes rapaces”, salienta. Sobre o formato elixido apunta como “todo o que sexa explorar novos xeitos de facer as cousas é interesante”.