O campus renova os seus cursos de verán e ofrece case 300 prazas

En total ofrécense sete cursos que se levarán a cabo de xuño a setembro

Comedores escolares ecolóxicos, ‘design thinking’ e ciberseguridade. Estas son as tres temáticas coas que o campus de Vigo renova a súa oferta de cursos de Extensión para este verán, tres propostas innovadoras que se suman a outras catro opcións que, ano a ano, forman parte desta programación de actividades formativas estivais: urxencias cardiovasculares, patrimonio natural e cultural do Bierzo, termalismo e xestión de explotación acuícolas.

Con matrícula aberta ata o vindeiro día 31 de maio, os prezos oscilan entre os 20 e os 60 euros, podendo gozar os membros da comunidade universitaria dun desconto dun 35%. En total son case 300 prazas e as actividades levaranse a cabo entre os meses de xuño e setembro, tanto en diferentes espazos do campus como noutros escenarios menos habituais para a comunidade universitaria como Vilafranca do Bierzo ou os balnearios de Mondariz ou Laias.

Comedores escolares ecolóxicos

Con 80 prazas dispoñibles e dirixido polo profesor Xavier Simón, responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (Gieea), o curso Comedores escolares ecolóxicos: avanzando cara unha economía circular nas reservas da bioesfera busca visibilizar o impacto da compra de alimentos de proximidade nas economías locais; coñecer as claves dos eco-comedores escolares; o balanceado de menús; o manexo de alimentos e seguridade alimentaria… En xeral será, segundo os seus organizadores, unha boa oportunidade para falar do futuro da alimentación nos colexios en Galicia e da súa  conexión co medio rural galego. A cita será do 1 ao 5 de xullo no salón de plenos do Concello de Allariz.

 ‘Design Thinking’ e ciberseguridade

Vinculados ambos á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, as outras dúas novidades son os cursos Introdución a ‘Design Thinking’, dirixido polo profesor Manuel José Fernández Iglesias, e Protección de datos e ciberseguridade, por Ana Fernández Vilas. O primeiro terá lugar do 17 ao 24 de xuño e vai dirixido a comprender os fundamentos desta nova metodoloxía de resolución de problemas -tratarase de experimentar na práctica as etapas de empatía, definición, ideación, prototipado e probas nun proxecto real-. No segundo caso, o obxectivo é que os/as participantes poidan chegar a comprender os fundamentos da ciberseguridade e certas técnicas básicas de protección e privacidade da información. Neste caso o curso desenvolverase do 2 ao 6 de setembro.

Viaxando dos balnearios galegos a Vilafranca do Bierzo

Como cada ano, os cursos de verán teñen tamén unha cita en Vilafranca do Bierzo, un curso ao que o ano pasado asistiron preto de 60 persoas e que vai dirixido a coñecer o patrimonio natural e cultural do Bierzoe o seu importante papel na Reserva da Bioesfera de Ancares. Dirixido pola profesora Josefina Garrido, esta cita levarase a cabo do 5 ao 7 de xullo, mentres que a proposta Termalismo: espazos termais, o outro gran clásico da programación estival, non se levará a cabo ata finais de mes –do 22 ao 26 e con sesións na Facultade de Ciencias do Mar, na Ecimat e nos balnearios de Carballiño, Laias, Mondariz, Augas Santas…- dirixido, como é habitual, polo profesor José Luis Legido.

Xunto a estas propostas mantéñense tamén na programación de cursos estivais, o de Enfrontarse ás urxencias cardiovasculares, dirixido pola profesora Marisol Bravo e que se levará a cabo do 2 ao 11 de xullo no Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro de Vigo; e Xestión de explotacións acuículas, coordinador por Carlos Ferro, no que os asistentes terán a oportunidade de coñecer o proceso de cultivo de diversas especies e as ameazas e oportunidades que a contorna depara para a actividade acuícola. Será do 17 ao 21 de xuño na Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM