O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas traslada aos reitores a súa intención de negociar un novo plan de financiamento

Aposta por realizar cambios lexislativos que freen a creación de universidades privadas
Publicado por o día 25/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas traslada aos reitores a súa intención de negociar un novo plan de financiamento

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á presidencia da Xunta de Galicia, Antón Gómez Reino, reuniuse esta mañá cos reitores das tres universidades galegas. Nunha xuntanza telemática con Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Antonio López, da USC e Julio Abalde, da Universidade da Coruña, Gómez Reino trasladoulles o compromiso da coalición de “apostar de maneira firme e decidida por unha educación gratuíta, pública e de calidade”. Neste sentido, afirmou que mentres “Feijóo intentou privatizar as universidades pola porta de atrás, nós blindaremos o sistema universitario público”. Nesa liña, adiantou que de gañar as eleccións autonómicas, modificarán a actual Lei de Universidades para “derrogar os artigos da Lei de Universidades de Galicia que facilitan a creación de universidades privadas e de titulacións a distancia sen garantías da necesaria calidade”.

Gómez Reino explicoulles aos reitores a súa intención de negociar “un novo plan de financiamento das universidades públicas galegas, un plan a catro anos que as dote dos recursos suficientes e que as vaia aproximando ás cifras dos países da contorna”. O candidato de Galicia en Común tamén defendeu a necesidade de crear unha Mesa Sectorial de Universidades para recuperar os dereitos do persoal docente e investigador, “tan maltratado na última década polas políticas de Núñez Feijóo” cunha aposta decidida pola investigación “creando un plan de retención e retorno do talento investigador perdido na última década”, con axudas competitivas que favorezan a transferencia de coñecemento e a colaboración entre o tecido social e asociativo galego e a universidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.