O candidato de GañaMos obra na súa vivenda sen pedir os permisos necesarios

Os populares mosenses consideran gravísimo que un candidato á alcaldía eluda a lei e instan á Asamblea Veciñal a que actúe en consecuencia
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de Galicia,GañaMOS,Mos,Partido Popular,Política

O candidato de GañaMos obra na súa vivenda sen pedir os permisos necesarios

O PP de Mos denuncia que o candidato á alcaldía de GañaMos Asamblea Veciñal, Román González Garrido, leva máis dun ano obrando no interior dunha vivenda da súa propiedade, e de recente adquisición, sen solicitar ningún tipo de permiso nin licenza urbanística.

Os traballos de reforma integral total da vivenda, interior e exterior, inclúen dende canalización da electricidade ata revestimento de paredes e modificación da escaleira exterior, entre outros moitos labores de rehabilitación interna do inmoble.

Ademais estase reformando o muro de peche e construíndo un novo galpón, pegado ao lindeiro, de dudosa utilidade.

Os populares mosenses lamentan que tras tanto tempo obrando nunca presentase ningún tipo de documentación no departamento municipal de Urbanismo ata onte, xustamente tras a visita de axentes da Policía Local á vivenda obxecto dos traballos, que se producía o pasado xoves 2 de maio. Román González persoouse onte entón nas dependencias de Urbanismo para tramitar dous permisos de Comunicación Previa que nin sequera cubrirían a totalidade da obra que leva máis dun ano executando e non inclúen a documentación necesaria completa.

Dende o PP de Mos considérase “gravísimo que un señor que pretende ser alcalde eluda as leis urbanísticas e obre sen permiso na súa propiedade”. “Se agora xa actúa así non queremos nin pensar o que faría de ter un cargo no Concello”, advirten os populares.

O Partido Popular insta por último a González a “que dea exemplo e que cumpra escrupulosamente a normativa urbanística paralizando a obra e presentando toda a documentación necesaria para tramitar os permisos pertinentes en Urbanismo, e a GañaMos a que actúen en consecuencia, xa que é moi grave que un candidato á alcaldía vulnere a lei”.