O Canteira Fest de Vilaboa celebra a súa primeira edición co feminismo e a música en galego como protagonistas

Terá lugar este sábado na canteira de Paredes e o cartaz inclúe The Tetas Van, De Vacas, Sondarúa e The Lelli Kelli’s
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Canteira Fest de Vilaboa celebra a súa primeira edición co feminismo e a música en galego como protagonistas

A partires das 11:00 da mañá do sábado 22 de setembro, a canteira de Paredes de Vilaboa acollerá a primeira edición do Canteira Fest, unha cita musical que nace con clara vocación feminista e coa música en galego como eixo central. “Non atopamos outra forma de ser que ser feministas para avanzar nesta sociedade” aseguraba esta mañá Clara Bells, unha das organizadoras. Xunto co tamén membro da organización Daniel Acuña, coa tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, e co deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentaron o Canteira Fest ataviados co que denominou o “uniforme do festival”, mandil e bata de cadros, en “homenaxe ás nosas nais e ás nosas avoas, e a esa Galiza matriarcal”.

Xosé Leal asegurou que “este festival vai marcar tendencia porque vén demostrar que as pequenas vilas poden crear grandes citas, nun entorno recuperado como é a canteira de Paredes, e que fan reflexionar sobre a música en galego, sobre o papel da muller e sobre o ecoloxismo”. O deputado nacionalista insistiu en que o Canteira Fest “é unha aposta polo local que xurde da mocidade cun programa para todos os públicos, porque ademais da música contempla actividades infantís e palestras”. Neste sentido, Leal afirmou “que un evento destas características sempre vai ter apoio da Deputación porque encaixa plenamente na nosa filosofía”. Pola súa banda, a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández puxo a mirada no futuro cun “cremos que a edición deste sábado vai ser a primeira de moitas”. Centrouse na importancia de que no concello haxa “un grupo de mozos e de mozas con ideas para dinamizar a cultura e a primeira gran idea que se materializa é o Canteira Fest”. Ornela Fernández tamén vinculou o festival coa repercusión e o impacto económico que previsiblemente terá na vila, en sectores como a hostalaría local e o pequeno comercio.

O Canteira Fest comezará a partires das 11 horas coa presentación e ás 12 horas terá lugar a actuación de Sheila Patricia. Ás 13:30 horas actuará o grupo portugués ‘Os Meninos’ e unha hora máis tarde abrirase o micro para unha Jam Session. Ás 16:30 horas comezará a quenda das actividades infantís e ás 17 horas a palestra sobre o papel da muller na cultura na que participarán Isabel Risco, Tamara Andrés, María Costas e Xulia María. Ás 18 horas comezará a festa de escuma con DJ e ás 20 horas o concerto infantil de Migallas. A partires das 21:30 horas será a quenda de The Tetas Van, De Vacas, Sondarúa e The Lelli Kelly’s. No recinto tamén se instalarán postos de comida e artesanía, mentres que a zona de acampada se establece no pavillón do Toural. Asemade, a organización chegou a un acordo cos taxistas da vila para acadar un prezo reducido, 1 euro por persoa, para asistir ao festival.