A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou esta mañá coa presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, o acordo de adhesión desta entidade ao Carné Xove, polo que as mozas e mozos se beneficiarán de descontos nas 150 librarías que forman parte desta entidade. Estes descontos serán dun 10% en papelería e material escolar e dun 5% en libros para a xente nova que sexa titular desta tarxeta.
A sinatura tivo lugar no establecemento Kathedra Libraría Universitaria e contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e do presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera. Este acordo coincide co inicio do curso escolar, polo que é unha oportunidade para facerse con todo o material para levar á escola a un custe reducido. As librarías que se suman a esta iniciativa colocarán nun lugar visible o adhesivo que identifica o programa Carné Xove.
A conselleira agradeceu á Federación de Librarías de Galicia que se sumara a este programa que na actualidade conta con máis de 3000 centros adheridos que abranguen todos os ámbitos, como o cultural, aloxamento, transportes, comercial ou ensino, entre outros. Arredor de 40.000 mozas e mozos galegos, con idades entre os 12 e os 30 anos, son xa usuarios do Carné Xove, que poden utilizar non soamente na Comunidade Autónoma senón noutras zonas de España e en 40 países europeos que tamén participan desta iniciativa.
Noticias de última hora en Vigo