O Casco Vello de Vigo contará cun albergue de Peregrinos nun edificio cedido polo CCVV

O comité executivo aprobou tamén a adquisición dunha nova vivenda na rúa Elduayen
Publicado por o día 10/06/2018 na sección de Galicia,Vigo

O Casco Vello de Vigo contará cun albergue de Peregrinos nun edificio cedido polo CCVV

O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido hoxe baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou a constitución dun dereito de superficie a favor da Axencia Galega de Turismo, o que permitirá a creación na zona do Berbés dun albergue que dará servizo aos peregrinos que realicen o Camiño Portugués. En concreto, a leira sobre a que se realiza esta actuación é a situada na Praza do Berbés 5, adquirida en 2016 polo CCVV, e na que está prevista un investimento próximo ao millón de euros para crear unha dotación turística con noventa prazas, que contribuirá de maneira singular á recuperación desta zona de Vigo. Neste sentido a memoria xustificativa do outorgamento deste dereito de superficie recolle cinco puntos que explican a importancia desta actuación:

  • Permite a rehabilitación arquitectónica dun inmoble catalogado.
  • Diversifica usos, incorporando á zona vella unha actividade de servizos non existente na actualidade.
  • Diversifica a actividade da zona no aspecto temporal xa que se desmarca dos horarios en que se desenvolve a actividade hostaleira, maioritaria na zona vella da cidade.
  • Achega un movemento de persoas ao centro da zona vella en horario diúrno que propicia o desenvolvemento doutras actividades.
  • Resulta absolutamente compatible co uso residencial.

A propiedade na que se construirá este “Albergue de Peregrinos” é unha casa de planta baixa e piso principal, cun pequeno patio no seu parte posterior na que se edificou unha vivenda, con saída á rúa Peñasco, comunicada coa anterior, formando unha única leira de 258 metros cadrados. Tivo usos hosteleiros e na actualidade atópase en estado ruinoso. Moi próxima á mesma estase realizando tamén outra das maiores intervencións de recuperación da fachada marítima de   Vigo: a construción da nova sede institucional da Universidade de Vigo, un proxecto xa en marcha e que tamén se realiza sobre edificios adquiridos no seu día polo CCVV, cedidos agora á institución educativa.