O castelo de Sobroso contará cun espazo de usos múltiples e o novo “Xardín do Corpus” tras as obras de reforma que a Deputación iniciará en febreiro

Demolerase o vello almacén e rehabilitarase a antiga cafetería para a organización de actividades didácticas e charlas divulgativas
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O castelo de Sobroso contará cun espazo de usos múltiples e o novo “Xardín do Corpus” tras as obras de reforma que a Deputación iniciará en febreiro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa do inicio das obras de reforma do castelo de Sobroso, que comezarán no próximo mes de febreiro. Tal e como explicou Silva, levaranse a cabo dúas actuacións. Por unha banda, rehabilitarase a antiga cafetería para convertela nun espazo de usos múltiples. Por outra, impulsarase a creación dun “Xardín do Corpus” que estará situado na entrada principal do castelo.

Máis polo miúdo, o novo espazo de usos múltiples concibirase como unha sala na que se poidan celebrar actividades didácticas e charlas de diverso tipo. Así mesmo, está previsto que se complemente esta actuación coa adecuación da contorna exterior para convertela nun espazo de picnic con servizo de auga potable e bancos con mesas. Ademais, Silva recordou que “por este lugar transcorre a senda do bosque atlántica, sinalizada con códigos QR, polo que a actuación tamén permitirá mellorar o propio traxecto da senda”. Así mesmo, a presidenta puntualizou que Patrimonio autorizou a demolición dun vello almacén situado no entorno.

En canto á segunda actuación, a creación do “Xardín do Corpus” partiu dunha proposta do concello de Ponteareas. Este novo espazo verde estará situado na parte baixa da leira, na entrada principal e preto da aula de usos múltiples. Silva explicou que se prevé facer unha plantación de 300 buxos a cada lado da pista de entrada e nos socalcos. Ademais, plantaranse 300 hortensias aproveitando o muro perimetral de peche e na contorna da vella caseta do bar. Nas dúas áreas existentes máis planas a dita caseta tamén se plantarán 150 camelias e outras 50 replantaranse noutro espazo.

Por último, a presidenta da Deputación indicou que se está levando a cabo un tratamento para evitar o rebrote de especies invasoras erradicadas, principalmente eucaliptos e algunhas acacias. Está previsto que cando remate dito tratamento, se inicien os traballos para repoboar este espazo con especies propias do bosque atlántico como os carballos, os castiñeiros e as sobreiras.