O catedrático Fernando Pérez entra na directiva da Real Academia Galega da Ciencia

O investigador de atlanTTic forma parte do equipo presidido por Juan Lema
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O catedrático Fernando Pérez entra na directiva da Real Academia Galega da Ciencia

O catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e das Comunicacións Fernando Pérez entrou na Real Academia Galega da Ciencia en xullo de 2014. Case cinco anos despois, o investigador da Universidade de Vigo e do centro altanTTic entra tamén a formar parte do equipo de goberno da institución, encabezado polo catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela Juan Lema.

Pérez explica que cando Lema lle propuxo formar parte da súa candidatura aceptou “inmediatamente con intención de achegar a miña experiencia e o meu traballo para axudar a que a ciencia teña maior influencia na nosa contorna”. Destaca o traballo realizado pola institución académica nos últimos anos co obxectivo de visibilizar a ciencia e a investigación e recoñece estar “moi orgulloso” de pertencer a unha entidade pola que amosa “un enorme afecto, constituída por persoas de brillantes traxectorias académicas e un compromiso altruísta co desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía en Galicia”. Pero tamén remarca a importancia de representación institucional da Universidade de Vigo nun organismo no que a gran maioría dos membros pertencen á Universidade de Santiago de Compostela.

Explica que tras a marcha de Miguel Ángel Ríos, anterior presidente e “gran impulsor da institución”, Lema impulsou unha candidatura conxunta que foi elixida por unanimidade e da que tamén forman parte as catedráticas da USC Alicia Estévez e Pilar Bermejo, como vicepresidenta e secretaria respectivamente, e Antón Álvarez Sousa, da de A Coruña como vogal.

O obxectivo, potencia a presenza da RAGC en internet

Fernando Pérez é enxeñeiro e doutor en Telecomunicación pola Universidade de Vigo e catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións dende o ano 2000. O seu campo de traballo céntrase nas comunicacións dixitais, algoritmos adaptativos, watermarking e técnicas forenses e seguridade da información. Ten publicado múltiples artigos en revistas de prestixio internacional, liderou numerosos proxectos europeos de investigación e desenvolveu varias patentes en eidos como a radiodifusión dixital, videovixilancia, protección de documentos impresos, equipamento de medida ehashing de audio. Como membro do equipo directivo da RAGC durante os vindeiros catro anos, ademais de colaborar na xestión e organización da academia, o seu papel, explica, “será o de reforzar os aspectos tecnolóxicos, incluíndo o aumento da actividade en internet”. Outro dos seus obxectivos será potencia a presencia da institución na provincia de Pontevedra e “achegala á nosa Universidade”.