O CEIP M.R. Sinde de A Guarda recibiu a 15 mestres europeos do proxecto Erasmus+

O centro guardés participa no plan europeo de cooperación escolar xunto con colexios de 6 países europeos.
Publicado por o día 30/05/2018 na sección de A Guarda,Galicia

O CEIP M.R. Sinde de A Guarda recibiu a 15 mestres europeos do proxecto Erasmus+

O Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Manuel Rodríguez Sinde recibiu a pasada semana a 15 docentes de distintos países europeos participantes no proxecto Erasmus+ «Terra Vita», orientado ao intercambio de experiencias e boas prácticas no eido educativo e medioambiental.

As mestras -procedentes de centros de ensino infantil, primario e educación especial de Bulgaria, Croacia, Eslovenia, Grecia, Polonia e Romanía- permaneceron na Guarda entre os días 23 e 25 de maio co fin de traballar conxuntamente na elaboración do calendario de actividades do proxecto para o próximo curso.

Á súa chegada, os docentes foron recibidos polo alumnado xa nos corredores do centro de ensino guardés. As cativas e os cativos tamén se encargaron de familiarizar aos seus convidados coa cultura e a idiosincrasia galega e propiamente guardesa, ofrecendo un festival musical no que amosaron dende os instrumentos e cancións tradicionais ata o traxe popular de Galicia.

Durante as tres xornadas, os profesores tiveron tempo de visitar o Monte Santa Trega, achegarse ao centro San Xerome Emiliani e coñecer as instalacións da adega Terras Gauda, ademais de traballar na organización do proxecto «Terra Vita» conxuntamente cos docentes do centro anfitrión.

Como colofón a esta experiencia na Guarda, os visitantes foron recibidos no salón de plenos do Concello polo alcalde, Antonio Lomba, e a concelleira de Educación, María Elena Baz. Os representantes municipais agradeceron aos asistentes a súa labor en prol do desenvolvemento educativo e explicaron os proxectos de colaboración que dende o Concello se veñen impulsando cos distintos centros da vila. Pola súa parte, cada un dos mestres convidados achegou un anaco da cultura e a tradición dos seus respectivos países natais. Ao remate do acto de recepción, os representantes municipais e os docentes fixeron un intercambio de agasallos.

Proxecto «Terra Vita»

O proxecto «Terra Vita» foi aprobado en 2017 no marco do Programa Europeo de Educación, Formación, Xuventude e Deporte Erasmus+. Pertence ao dentro  grupo KA201, que consiste en asociacións estratéxicas escolares nas que poden colaborar outras organizacións relacionadas co ámbito educativo tales como autoridades locais, universidades, centros de investigación, bibliotecas e museos.

O proxecto desenvolverase durante 2 anos, finalizando en setembro de 2019, co obxectivo principal de promover a cooperación e intercambio de boas prácticas entre as distintas organizacións participantes.