O Celta cultiva unha derrota ante o Granada con dous expulsados polo VAR

Publicado por o día 16/09/2019 na sección de 1ª división,Celta,Deportes,Fútbol,Galicia,Vigo

O Celta cultiva unha derrota ante o Granada con dous expulsados polo VAR

O Granada sumou a súa segunda vitoria seguida na liga, por 0-2 ante o Celta en Balaídos, nun duelo marcado polas expulsións dos locais Jorge Sáenz e Beltrán na primeira media hora tras senllas faltas no centro do campo que o árbitro castigou con tarxeta vermella tras revisalas en vídeo a pedimento do VAR.

 O equipo andaluz adiantouse no marcador pouco antes do descanso e ampliou a súa renda no segundo tempo.


Escribá tivo que recompoñer o seu defensa. Sacou do campo a Brais e meteu ao central Araujo. Trabouse o ritmo do encontro coa expulsión e a única oportunidade de gol celeste foi un cabezazo desviado de Aidoo.

Hugo Mallo concedeu un córner que cabeceou a gol Germán, só na área pequena, libre da marcaxe de Santi Mina. Ese tanto, que pechou a primeira parte, foi unha labazada para o Celta. Logo, cos nove xogadores do equipo celeste defendendo preto da súa área, Herrera mete un cogombrazo que peta na trabe e que fai inútil a estirada de Rubén…

Hugo Mallo “No Barcelona-Valencia houbo unha entrada de Maxi igual á de hoxe e nada”… “Son xogadas moi dubidosas e os xogadores temos a sensación de que a mínima imos ser expulsados”.

Quedaba o arreón de afouteza de Aspas para pechar un partido que se arbitrou desde Madrid e que foi calquera cousa menos un espectáculo futbolístico.

FICHA TÉCNICA

0- RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Aidoo, Sáenz, Olaza, Beltrán, Lobotka, Brais Méndez (Araujo, min 15), Denis Suárez (Sisto, min 77), Iago Aspas, Santi Mina (Pape, min 59).

2 – Granada: Rui Silva, Víctor Díaz, Germán, Domingos Duarte, Quini, Yangel Herrera, Montoro, Puertas, Vico (Carlos, min 45), Machís (Azeez, min 88), Soldado (Vadillo, min 66).

Goles: 0-1 Germán, min 50; 0-2 Herrera, min 56.

Árbitro: Prieto Iglesias (comité navarro). Expulsou con tarxeta vermella directa aos xogadores do Celta Jorge Sáenz no minuto 10 e Fran Beltrán no 28. Amoestou a Santi Mina, Denis Suárez, Hugo Mallo e Araujo, por parte do Celta; e a Germán e Víctor Díaz, polo Granada

Incidencias: partido correspondente á cuarta xornada de LaLiga Santander disputado no estadio municipal de Balaídos ante 18.259 espectadores.

Santi Mina: “Demostramos personalidade”

O atacante celeste atende ás cámaras de Celta Media trala derrota 0-2 ante o Granada, un partido condicionado polas expulsións dos célticos Jorge Sáenz e Fran Beltrán nos primeiros trinta minutos de xogo: “Demostramos a personalidade que temos e ao final faremos un gran papel en LaLiga”.

 

 

 

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.