O celtismo ten a palabra elixirá o nome da nova cidade deportiva do RC Celta

Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Deportes,1ª división,Celta,Fútbol

O celtismo ten a palabra elixirá o nome da nova cidade deportiva do RC Celta

A cidade deportiva do RC Celta avanza a bo ritmo para acoller ao primeiro equipo e ao filial nas próximas semanas. Este soño do celtismo, este espectacular proxecto, tan ilusionante como necesario, necesita un nome e a apaixonante tarefa de deixalo escrito na historia do club recaerá por completo na familia celeste. O RC Celta abre a todos os afeccionados a elección do nome da nova cidade deportiva e anímalles a que participen nun proceso cuxo resultado permanecerá para sempre na memoria celeste. Hai unha única norma: este novo enclave do celtismo non levará un nome propio.

Desde este mesmo luns, os afeccionados poderán propor o nome deste gran soño do celtismo nunha páxina web creada para tal efecto: preme aquí ou deixando a súa proposta na recepción da sede do club ou nas tendas oficiais, onde terán á súa disposición un formulario. Entre todos os participantes sortearase unha camiseta do primeiro equipo asinada polo plantel.

Unha vez concluída esta primeira fase da elección do nome, que se prolongará durante varias semanas, o RC Celta seleccionará cinco das propostas da afección e abrirase, de novo co celtismo como protagonista, unha votación, esta vez exclusivamente online, para determinar o nome da nova cidade deportiva.

O participante cuxa proposta sexa a máis votada, e por tanto dará nome á cidade deportiva, gozará dunha experiencia única nas novas instalacións e tamén dun tour guiado co capitán do primeiro equipo.

No caso de que a opción elixida fose proposta por máis dun participante, realizarase un sorteo para elixir o beneficiario da experiencia.