O centro asociado da UNED de Pontevedra atende a preto de 4.500 estudantes de toda a provincia

Carmela Silva mantivo a primeira xuntanza de traballo coa nova directora, María Troncoso para coñecer as actividades de futuro da entidade formativa
Publicado por o día 22/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O centro asociado da UNED de Pontevedra atende a preto de 4.500 estudantes de toda a provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo o primeiro encontro de traballo coa nova directora do centro da UNED de Pontevedra, María Troncoso Abalo quen informou que para este curso 2017-2018 o centro pontevedrés ten unha matrícula de preto de 4.500 alumnos e alumnas de toda a provincia.

Na actualidade o centro asociado de Pontevedra inclúe na súa oferta de estudos 28 títulos de grao EEES, 10 graos combinados, 71 másters universitarios EEES e 19 programas de doutoramento EIDUNED. A matrícula de alumnos e alumnas está conformada por 4.466 que se reparten entre 3.255 da capital, 864 de Vigo e os 64 da aula de Tui.

O alumnado repártese entre os 3.752 que cursan algún grado, os 293 que cursan idiomas a distancia, os 215 que cursan o acceso a universidade e 206 que cursan posgraos. A actividade formativa do alumnado a desenvolven un total de 147 profesores e profesoras. Durante o curso 2017/2018 o centro asociado e as súas aulas locais acolleron 186 actividades de extensión universitaria nas que participaron un total de 4.096 alumnos e alumnas. Entre estas actividades, ás que aínda faltan por engadir os cursos de verán, no centro de Pontevedra, desenvolvéronse 91 actividades que reuniron a 2.543 alumnos e alumnas. Na aula de extensión universitaria de Portas realizáronse 28 actividades con 367 alumnos e alumnas. En Tui desenvolvéronse 25 actividades ás que asistiron 352 alumnos e alumnas; e en Vigo 42 actividades as que asistiron 834 alumnos e alumnas.

Ademais destas actividades formativas, o centro asociado de Pontevedra participa no Programa Formativo UNED Senior desde o curso 2008/2009, sendo un dos primeiros centros asociados de toda España en adherirse ao mesmo. Este programa, dirixido a maiores de 55 anos, contou con 185 matriculados nas seis materias ofertadas no Centro Asociado de Pontevedra (3 por cuadrimestre) aos que se sumarían os 23 matriculados neste programa na materia ofertada na aula de Vigo durante o primeiro cuadrimestre.

Por último, a  nova directora da UNED de Pontevedra, destacou a súa ilusión, responsabilidade e compromiso co centro pontevedrés para mellorar a oferta formativa e dar un mellor servizo a todos e cada un dos alumnos e alumnas das distintas aulas.