O Centro Comercial Gran Vía de Vigo busca figurantes para María Solinha, o novo filme de Ignacio Vilar

Búscanse extras, maiores de idade, para unha das escenas da película que se rodará nunha das salas dos cinemas Gran Vía de Vigo
Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Galicia,Vigo

O Centro Comercial Gran Vía de Vigo busca figurantes para María Solinha, o novo filme de Ignacio Vilar

O Centro Comercial Gran Vía de Vigo, a produtora pontevedresa Vía Láctea Filmes buscan persoas que queiran actuar como figurantes nunha das escenas da película María Solinha, dirixida por Ignacio Vilar.

Os cinemas Gran Vía de Vigo serán o escenario dunha xornada de rodaxe que terá lugar o luns 2 de setembro ás 11:30 horas. Os interesados en participar como extras poderán inscribirse vía email na dirección de correo electrónico [email protected] ou de maneira presencial no Punto de Atención ao Cliente, Planta 0.

A historia de María Solinha

“María Solinha” é o novo proxecto que dirixirá o director Ignacio Vilar. A rodaxe comezou o pasado 19 de agosto e alongarase un mes en localizacións como Redondela, Cangas, a Illa de Toralla e Vigo. É unha película ambientada entre o século XVII e XXI na que se narra a historia real de María Soliño, unha muller canguense que foi condenada e acusada por bruxería pola Santa Inquisición. O filme recorre á figura do dragón como metáfora das inquietudes e ameazas que sofren as mulleres.