O Centro de Acollida CAAN da Deputación retoma a atención ao público e os procesos de adopción de animais co sistema de cita previa

O novo protocolo de medidas preventivas nesta fase 1 establece a utilización de luvas e máscaras e o mantemento da distancia de seguridade no interior das instalacións
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Case dous meses despois da declaración do estado de alarma e trala entrada da provincia na fase 1 da desescalada que permite a liberdade de desprazamentos na provincia, o Centro de Acollida de Protección de Animais da Deputación de Pontevedra (CAAN) volve retomar a atención ao público e as tramitacións para a adopción de cadelas e cans. Faino baixo un estrito protocolo de medidas preventivas que, como principal novidade, establece o sistema de cita previa para as visitas ao centro e a formalización das adopcións.

Deste xeito, as persoas interesadas deberán solicitar a cita no teléfono 986 140 360 e, unha vez que se despracen ao recinto da Armenteira, deberán agardar, se é preciso, a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar concentracións. Outras medidas adoptadas polo centro dependente da institución provincial son a atención individualizada a cada visitante, a utilización de luvas e máscaras dentro do recinto e o mantemento das distancias de seguridade. Así mesmo, establecéronse novas medidas internas para garantir a seguridade do persoal, coma a súa entrada e saída en quendas escaladas, o traballo individualizado, a desinfección exhaustiva de equipos e instalacións e a utilización de equipos de protección.

Tanto a Deputación coma o persoal do CAAN amosáronlles o seu agradecemento a aquelas persoas que, durante todo este tempo de confinamento, mostraron interese por adoptar e tamén polo estado dos animais, así como pola súa comprensión á hora de agardar para realizar unha adopción de xeito responsable. Moitas persoas interesadas están a solicitar información desde hai días e a partir de agora se lles dará cita para formalizar as adopcións.

A outra cara da moeda segue a estar no problema dos abandonos. Hai que destacar que desde a fase 1, a actual, o CAAN desenvolverá o servizo de lacería sen as anteriores restricións que o limitaban a casos de atención necesaria e urxente. Pero, a pesar desas restricións, desde o pasado 14 de marzo e ata hoxe foron 105 os animais que tivo que recoller o persoal do centro, dos que 30 eran cachorros. Ademais, nalgúns casos estes animais foron atopados nunha situación de grave risco para as súas vidas.

Algúns dos rescates realizados polo persoal do CAAN neste tempo foron o dos tres cachorros atopados nunha explotación gandeira en Rodeiro, dous deles no interior dunha fosa de zurro; os sete recollidos nunha situación extrema xunto á súa nai, Lara, en Crecente; os seis cachorros salvados coa súa nai, Laila, en Lalín; e outro cachorro en Arbo que apareceu xunto á súa nai. Nas últimas semanas recolléronse outras dous cadelas mestizas de raza pequinesa de tan só un mes de idade en Sanxenxo e outros dous cachorros atopados nunha beiravía en Silleda. Doutra banda, o persoal do CAAN tamén recolleu unha cadela en Meis, Cora, que estaba preñada e cuxos oito cachorros naceron xa no centro, aínda que dous deles faleceron. Os demais recupéranse de xeito favorable nas instalacións da Armenteira, que nestes momentos alberga 340 cadelas e cans.

As recollidas desde o 14 de marzo realizáronse nos concellos de Marín (2), Caldas de Reis (3), Redondela (4), Nigrán (2), Baiona, Meaño (4), Soutomaior (3), Meis (13), A Estrada (4), Mos (2), Campo Lameiro, Forcarei, Fornelos, A Cañiza, Vila de Cruces (4), A Guarda, Gondomar (3), Ponte Caldelas (2), Arbo (2), Barro (2), Cuntis, Portas (3), Valga (3), Crecente (11), Rodeiro (4), Vilanova de Arousa (3), Lalín (9), Sanxenxo (3), Cerdedo-Cotobade, Mondariz, Vilaboa,Tomiño, Moraña, Covelo, Ribadumia (3), Catoira e Silleda (2). Doutra banda, no estado de alarma efectuáronse tamén dezaseis devolucións de cans ás súas donas e donos.