O Centro de Atención Integral ó Alzheimer de Afaga renova a súa actividade “normal”

As persoas con alzhéimer ou outras demencias retoman as súas rutinas a través dos talleres de estimulación cognitiva e funcional, tan necesarios para mellorar a súa calidade de vida
Publicado por o día 26/08/2020 na sección de Galicia,Vigo

O Centro de Atención Integral ó Alzheimer de Afaga renova a súa actividade “normal”

Tras a reapertura, o pasado 17 de agosto, do centro de día Beiramar, a Unidade Terapéutica de Porriño e o programa de Nigrán, os talleres de estimulación cognitiva e funcional que Afaga Alzheimer ofrece no Centro de Atención Integral de Vigo tamén retomaron esta semana a súa actividade terapéutica normal.

Despois dunha completa adaptación das instalacións do centro para cumprir os protocolos e aplicar as necesarias medidas de seguridade e protección fronte ao Covid-19, os usuarios e usuarias volveron recibir as terapias en grupos pequenos.

Para garantir a seguridade de usuarios, familiares e traballadores, instaláronse nas aulas biombos protectores, que reducen as posibilidades de contaxio do coronavirus e outros axentes patógenos de transmisión aérea. Ademais, diariamente realízanse controis de temperatura, hai alfombras de desinfección á entrada e á saída do centro, uso de xel hidroalcohólico e os profesionais utilizan os equipos de protección recomendados polas autoridades sanitarias.

Desta forma, as persoas con demencia poderán retomar aos poucos as súas rutinas e recibir estimulación cognitiva e funcional, tan necesaria para retardar a deterioración.

Os principais beneficios destas terapias son evitar a desconexión da contorna, aumentar a autoestima e a autonomía persoal, potenciar as capacidades mentais que conservan, evitar a tensión e mellorar a calidade de vida do enfermo e da súa familia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.