O Centro de Formación A Aixola amplía a súa oferta formativa con medio cento de prazas para catro novos cursos en 2021

As clases, gratuítas e dirixidas a persoas con vinculación co sector pesqueiro, desenvolveranse entre xaneiro e maio nas instalacións da escola no Porto de Marín
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Formación,Galicia,Mar,Marín

O Centro de Formación A Aixola amplía a súa oferta formativa con medio cento de prazas para catro novos cursos en 2021

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, pon en marcha catro novos cursos que se desenvolverán nos primeiros meses de 2021 cunha oferta de 51 novas prazas na súa sede situada no porto de Marín (Pontevedra).

Esta actividade formativa ten carácter gratuíto e está dirixida a operarios do sector pesqueiro, así como a pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A inscrición xa é posible a través da páxina web do centro (http://aixola.cetmar.org).

A nova oferta porase en marcha o vindeiro 29 de xaneiro, cando está previsto o inicio das clases do curso de reparación de embarcacións pneumáticas que, cunha duración de 300 horas e 12 prazas, desenvolverase ata o 30 de abril.

Xa en febreiro darán comezo dous novos cursos, o de “Electricidade e hidráulica básicas aplicadas ao buque”, que con 12 prazas e 275 horas terá lugar do 1 de febreiro ao 26 de abril, e o curso de “Elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores”, con 300 horas e 15 prazas, e que se prolongará do 12 de febreiro ao 14 de maio.

A programación formativa completarase co curso de “Confección e mantemento de artes e aparellos de pesca”. As datas desta formación, que terá unha duración de 330 horas, están pendentes de confirmación. A actividade do Centro de Formación A Aixola está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.