O Centro de Investigación Mariña estrea ‘visita virtual’

O público poderá interaccionar coa comunidade científica a través de faladoiros e videoconferencias

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, abrirá este venres e sábado 11 e 12 de decembro as súas portas ao público coa estrea da web virtualcim.uvigo.gal, unha plataforma na que acceder de xeito moi divulgativo ao traballo que realizan a diario os 15 grupos de investigación que forman parte deste centro. “Nestas xornadas damos a coñecer a investigación mariña e de vangarda que as nosas 200 investigadoras e investigadores desenvolven con paixón e dedicación ao longo de todo o ano”, explica Daniel Rey, director do CIM, no vídeo de presentación das xornadas, ao engade que pese ás difíciles circunstancias que se están a vivir derivadas da pandemia o centro non quixo renunciar á celebración dun evento que, ano a ano, lles dá a oportunidade de achegarse á cidadanía.

Esta particular visita virtual dá forma á cuarta edición das Xornadas Ciencia Singular, unha actividade na que xa participaron máis de 700 persoas de Vigo e contorna, que puideron así achegarse ás diferentes instalacións do CIM e coñecer de preto que se fai neste centro e a importancia do traballo que realizan estes científicos e científicas para o conxunto da sociedade. “A nosa misión principal é contribuír á xestión e uso sostible dos océanos, os mares e os recursos mariños en xeral a través da investigación e a transferencia de coñecemento baseado na ciencia”, recalca Rey no vídeo.

Actividades moi divulgativas pensadas para o público en xeral

Nesta ocasión a visita virtual está estruturada en catro bloques que reflicten as catro áreas nas que se localizan os laboratorios do CIM: a Ecimat, na illa de Toralla; os edificios Olimpia Valencia e Ciencias Experimentais no campus de Vigo, e o edificio do Campus da Auga no caso de Ourense. En cada edificio, ademais de varias páxinas con vídeos e etiquetas informativas, existirá un chat e unha sala de videoconferencia a través do que o público poderá lanzar as súas preguntas e interactuar en directo co persoal investigador que traballa no CIM. Este faladoiro porase en marcha mañá venres e manterase aberto ata o venres 18, de modo que as persoas interesadas poidan deixar as súas mensaxes ou dúbidas que logo responderán as investigadoras ou investigadores que correspondan.

Tres millóns de euros anuais e publicacións científicas cada dous días

Ao igual que en anos anteriores a visita manterá o seu carácter marcadamente divulgativo e está pensada para o público en xeral. Neste sentido, desde o equipo organizador faise fincapé en que nos vindeiros meses os vídeos serán subtitulados para difundilos tamén a nivel internacional.

Na benvida virtual o director do CIM lembra que as investigadoras e investigadores deste centro son quen de acadar unha media de tres millóns de euros anuais e de publicar un artigo de investigación científica cada dous días, artigos nos que se abordan cuestións como o cambio climático, a contaminación, a biodiversidade mariña, o desenvolvemento das enerxías renovables ou a xestión integral e sostible da zona costeira.

Entre os numerosos investigadores e investigadoras que participan nos vídeos están Jesús Troncoso, Estefanía Paredes e Ricardo Beiras, do grupo de Ecoloxía Costeira; Fran Ramil, do de Bioloxía Ambiental; Elena Ojea, Raquel Ruiz e Xochitl Édua Elías, de Future Ocean Labs; Ana Bernabeu e Gianluca Marino, do grupo GEOMA; Carlos Bendicho, do grupo QA2, e Moncho Gómez, Iago Algarra e Marisela Des, de Ephyslab.

A plataforma virtualcim.uvigo.gal estará dispoñible desde mañá venres.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM