– “Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore” é o lema baixo o que se desenvolve a campaña de “Amigos da Terra” e o Centro de Transfusión de Galicia.
A iniciativa terá lugar entre os días 20 e 24 de xullo e tenta acadar un dobre obxectivo: aumentar as doazóns de sangue no verán, indispensables para o desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos, e seguir traballando na concienciación e sensibilización social a prol da conservación do medio ambiente.
Dobre obxectivo
Durante a vindeira semana, voluntarios de “Amigos da Terra” distribuirán información sobre a doazón de sangue e ofreceran aos cidadáns que participen activamente neste xesto solidario a posibilidade de plantar unha árbore por cada doazón que se rexistre.
As unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia distribuiranse do seguinte xeito:
LUNS 20 DE XULLO
Unidade Móbil na Praza da Mariña- Av. de Santiago nº 30
De 15:30 a 21:00 h
MARTES 21 DE XULLO
Barrio O COUTO. Unidade móbil na Rúa Vila Real nº 6 (ao carón do Colexio Santo Anxo)
De 09.30 ás 14.30 e de 15.30 ás 21.00 h
MERCORES 22 DE XULLO
Barrio O POSIO. Unidade móbil na Rúa Coruña nº 10
De 09.30 ás 14.30 e de 15.30 ás 21.00 h
XOVES 23 e VENRES 24 DE XULLO
RUA DO PASEO. Unidade móbil no Paseo nº 37
De 09.30 ás 14.30 e de 15.30 ás 21.00 h
Labor de concienciación
O verán é unha época de gran dificultade para manter a participación nas campañas de doazón de sangue. Moitas persoas disfrutan de vacacións e mudan o seu domicilio habitual, pero os doentes nos hospitais continúan a precisar a solidariedade dos cidadáns. De xuño a setembro os hospitais precisan preto de 40.000 doazóns de sangue para atender a actividade asistencial ordinaria e mesmo o incremento dos accidentes de tráfico.
O sangue é un elemento que non se pode fabricar, que aporta os elementos para a nutrición e defensa do noso organismo, e que precisan moitas persoas para recuperar a saúde ou salvar a súa vida. Cada día en Galicia son necesarias 500 doazóns de sangue para que os nosos hospitais podan realizar unha media de 550 intervencións cirúrxicas, atender máis de 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos ou tecidos.
Esta actividade pretende informar aos veciños e veciñas da cidade de Ourense da necesidade de participar de xeito regular neste xesto solidario e, tamén concienciar sobre a necesidade de preservar o noso entorno natural. O obxectivo e promover a solidariedade coas persoas que precisan unha doazón de sangue e o coidado do medio ambiente.
Durante a campaña desenvolvida por Amigos da Terra e o CTG en xullo do pasado ano 2014 houbo un total de 220 doazóns de sangue, das que 16 foron realizadas por cidadáns que efectuaban a súa primeira doazón de sangue.
O CTG quere agradecer a “Amigos da Terra” a súa colaboración nesta iniciativa solidaria, que dende o ano 2000 acadou 3.120 doazóns de sangue, así como as diferentes institucións, colectivos sociais e medios de comunicación que axudan a promover este xesto solidario.
Concello de Ourense ( datos xerais)
O Concello de Ourense acadou en 2014 un total de 4.729 doazóns de sangue, o que significa 44 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
PRENSA AMIGOS DA TERRA
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.