O Centro Ecuestre Atlántico acolle a cuarta etapa da Liga Galega Interclubs de Salto

O evento, patrocinado polo Concello, nace para promocionar un deporte ao alcance de todo o mundo
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Centro Ecuestre Atlántico acolle a cuarta etapa da Liga Galega Interclubs de Salto

A Liga Galega de Interclubs de Salto pasa polo Centro Ecuestre Atlántico, situado en Santa Ana (Ponte Caldelas), durante este próximo domingo, día 27. A competición, na que participarán  120 xinetes e amazonas novos, comezará ás 10 horas e rematará a media tarde. A entrada para o público é de balde e, ademais, haberá servizo de bar e “pulpeiro”.

O evento foi presentado hoxe polo director do Centro Ecuestre, Xavi Blanco, e o alcalde, Andrés Díaz, nun acto celebrado no Concello e no que se deu conta  do crecemento que está a experimentar esta instalación hípica, que conta cunha escola na que están xa 75 rapaces procedentes de toda a provincia e mesmo algún de fóra.

A Liga Galega naceu este ano da man dos centros ecuestres de Ponte Caldelas, Gondomar-Vigo e Tui e consiste en varias competicións que permiten aos rapaces competir coa mesma estrutura que se participasen nun campionato nacional, pero cunha inscrición de saída á pista de só 15 euros.

Xavi Blanco destacou que o domingo, os xinetes e amazonas terán toda a “carcasa” dun concurso nacional. Hai saltos de obstáculos de calidade, megafonía, premios, escarapelas, agasallos, bebidas, patrocinadores e tamén un servizo de comida e bar para o público.

O director do Centro Ecuestre caldelán está empeñado en promocionar a equitación de saltos e destaca que é un deporte ao alcance de calquera que queira practicalo e que, ademais, fomenta o amor polos animais e o compañeirismo entre os rapaces.

Grazas ao nacemento desta Liga Interclubs xa hai unha rapaza de Ponte Caldelas  que conseguiu un terceiro premio, Enma Belmonte,  así como outros  tres  xinetes de Pontevedra.

Andrés Díaz destacou a importancia de Ponte Caldelas no mundo da hípica, pois conta con dúas instalacións, especializadas en morfoloxía e en saltos, respectivamente, que son unha referencia.