O Centro Galego de Barcelona promove a cultura e as tradicións de Galicia a través dos seus obradoiros

A entidade presidida por Carlos Mandianes ofrece clases de galego, gaita, pandeireta, acordeón e baile tradicional de forma paralela ás actividades periódicas de divulgación, de integración coa cultura de Cataluña e de difusión do talento galego
Por o 16/01/2019 | Sección: Cultura
O Centro Galego de Barcelona promove a cultura e as tradicións de Galicia a través dos seus obradoiros

Promover a cultura e as tradicións de Galicia é un dos obxectivos principais do Centro Galego de Barcelona, para o que desenvolve unha serie de obradoiros fixos relacionados fundamentalmente coa lingua, a música e a danza. A entidade presidida por Carlos Mandianes pretende así manter entre os galegos e descendentes de galegos residentes na capital catalá as raíces e acenos de identidade da súa terra de orixe, ademais de difundir eses valores en Catalunya.

Con ese obxectivo, o Centro ofrece clases semanais de galego, gaita, pandeireta, baile tradicional e acordeón, obradoiros programados de forma paralela ás actividades periódicas de divulgación, de integración coa cultura de Cataluña e de difusión do talento galego que se desenvolven nas instalacións ou en forma de visitas e excursións a lugares emblemáticos da xeografía catalá. Ademais, conta co coro Lonxe da Terra, ao que se lle está a dar cada vez máis impulso e que ten actuado en escenarios tan sinalados como o mosteiro de Montserrat, a Catedral de Barcelona ou o Auditorio desa cidade.

A reivindicación das orixes esténdese ata o pasado máis afastado nas actividades do Centro Galego de Barcelona que, por exemplo, o vindeiro sábado ten programado un achegamento á cultura celta cun obradoiro de construción de canas de gaita irlandesa a cargo de César Pastor, referente en España neste instrumento.

No que respecta á difusión do talento galego, o Centro ten previsto converterse en embaixada do Instituto Galego do Talento, comunidade integrada por líderes emerxentes nados en ou amantes de Galicia que impulsan a marca Galicia en calquera parte do mundo mediante a xestión e promoción do talento. As conferencias de escritores, empresarios, expertos en materias diversas e promotores de proxectos internacionais como Manuel Mandianes ou a representante da ONU Isabel Pérez, correspóndense con esa liña de actuación, coa que a actual directiva do Centro Galego
de Barcelona pretende facer deste algo máis que un simple punto de encontro e convertelo nun lugar de promoción dos valores de Galicia, con especial fincapé na mocidade.

LISTA DE ESPERA PARA APRENDER GALEGO

Entre os obradoiros ofertados, destaca o curso presencial de lingua galega, con unha alta demanda que derivou nunha lista de espera de 40 persoas. Non obstante, e grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o curso pode facerse agora tamén de forma telemática.

Ademais destas actividades, os socios do Centro Galego de Barcelona teñen acceso a outros servizos, entre os que cómpre salientar a completa biblioteca da entidade, sobre a que se está iniciando un proxecto para a súa dixitalización.

Comentar noticia

Your email address will not be published.