O Centro Galego de Barcelona retoma as súas camiñadas cunha excursión ao Val de Núria

Os participantes ascenderon aos picos de Noufonts e de Eina, de preto de 3.000 metros de altitude
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Social

O Centro Galego de Barcelona retoma as súas camiñadas cunha excursión ao Val de Núria

Coa entrada do novo curso, e ademais de organizar os seus cursos e obradoiros, o Centro Galego de Barcelona retomou onte domingo as súas actividades de lecer e convivencia, en concreto as súas camiñadas, cunha excursión ao Val de Núria.

Situado a 2.000 metros sobre o nivel do mar no municipio de Queralbs, na provincia de Xirona, trátase dun val pirenaico ao que se accede mediante un tren cremalleira ou ben por camiños de montaña. Nel atópase o Santuario da Virxe de Núria, de gran significado histórico por ser o lugar no que se redactara, en 1931, o primeiro estatuto de autonomía de Cataluña, aprobado en 1932 polo Parlamento español.

Seguindo un roteiro circular, os participantes ascenderon a dous dos cumios máis sobranceiros do val: o pico de Noufonts e o de Eina, ambos de preto de 3.000 metros de altitude. Desde eles puideron contemplar magníficas vistas da paisaxe do val e de toda a zona, así como outros picos non visibles desde a parte baixa. O roteiro supuxo un total de 11,5 quilómetros.

O Centro Galego de Barcelona programa saídas periódicas a enclaves naturais de Cataluña que destacan pola súa paisaxe, natureza e historia, co dobre obxectivo de fomentar a convivencia entre os socios e de ampliar o seu coñecemento sobre o territorio catalán.