O Centro Galego de Barcelona únese un ano máis á festa del Roser organizada pola Asociación Amics de la Rambla

Publicado por o día 05/10/2019 na sección de Social

O Centro Galego de Barcelona únese un ano máis á festa del Roser organizada pola Asociación Amics de la Rambla

O balcón do Centro Galego de Barcelona, na emblemática Rambla da cidade condal, lucirá a partir de hoxe e durante unha semana decorado con flores para unirse, un ano máis, á Festa del Roser organizada pola Asociación Amics de la Rambla. O obxectivo desta festa, que a dita asociación programa ininterrompidamente desde 1962 coa colaboración de establecementos e entidades, é promocionar o famoso paseo entre barceloneses e visitantes, enchéndoo de actividades lúdicas, populares e culturais.

A participación do Centro Galego de Barcelona enmárcase na actividade principal da festa, “La Rambla en flor”, na que as fachadas dos edificios, comercios, oficinas e vivendas particulares, así como espazos públicos da propia rúa, ornaméntanse con montaxes florais. A iniciativa conta coa colaboración da Escola de Arte Floral e Paisaxismo de Barcelona, o Gremio de Floristas de Cataluña e outras entidades, ademais dos veciños e establecementos participantes.

A Festa del Roser inclúe, ademais, exposicións, entradas gratuitas a museos, teatro, visitas culturais, charlas, percorridos guiados por comercios emblemáticos e actividades artísticas, entre outras. No marco da festa, Amics de la Rambla entrega cada ano o galardón de Ramblista de Honra, co que distingue a persoas, entidades, institucións ou empresas que teñan contribuído a promover o prestixio de Barcelona e da Rambla.

A implicación do Centro Galego nesta festa responde ao objectivo da súa xunta directiva de abrir a entidade á cidade e involucrarse nas actividades populares e culturais de Barcelona.

Comentar noticia

Your email address will not be published.