O Centro Galego leva a música clásica de Galicia ás rúas de Barcelona

A iniciativa “Música do Camiño de Santiago” será unha das achegas da entidade aos actos de conmemoración do centenario do I Congreso de Turismo de Cataluña, que organiza conxuntamente con Turisme de Barcelona e a asociación Amics de la Rambla e que terán lugar en novembro.
Publicado por o día 24/08/2019 na sección de Cultura

O Centro Galego leva a música clásica de Galicia ás rúas de Barcelona

Instalando pianos de cola nas Ramblas e outros puntos da cidade, o Centro Galego de Barcelona levará a música clásica de Galicia ás rúas da capital catalá o vindeiro mes de novembro. Músicos galegos interpretarán, ao aire libre, obras de compositores históricos e contemporáneos da Comunidade, o que suporá unha atractiva promoción da cultura galega. Os pianos serán cedidos pola
Associació del Concurs Internacional de Música Maria Canals, de Barcelona.

Esta iniciativa, “Música do Camiño de Santiago”, será unha das achegas máis destacada da entidade que preside Carlos Mandianes aos actos de conmemoración do centenario do I Congreso de Turismo de Cataluña, que se celebrou en Barcelona en 1919. Os ditos actos, que terán lugar do 14 ao 17 do citado mes de novembro, estanse a organizar conxuntamente polo Centro, Turisme de Barcelona e a asociación Amics de la Rambla. O Centro Galego será, ademais, a sede onde se desenvolverán as conferencias e mesas redondas sobre turismo que se prevén para a tarde do 14 e a mañá do 15.

Paralelamente a esa parte de reflexión e debate sobre a historia de Barcelona como cidade turística e o papel desta actividade na conformación da capital catalá, a conmemoración pretende servir tamén para dinamizar espazos tan emblemáticos e turísticos como a Rambla e a súa contorna a través de actividades lúdicas. Neste apartado do programa, que se desenvolverá desde o venres e durante toda a fin de semana, ademais dos concertos de música galega as rúas acollerán teatralizacións da época e xogos sobre os atractivos que ofrece Barcelona para cidadáns e visitantes.