O Centro Xuvenil Abertal cumprirá o vindeiro xaneiro corenta anos e celébrao cunha actualización dixital en moitos dos seus procedementos

Publicado por o día 03/11/2018 na sección de Galicia,Social,Vigo

O Centro Xuvenil Abertal cumprirá o vindeiro xaneiro corenta anos e celébrao cunha actualización dixital en moitos dos seus procedementos

A Asociación Centro Xuvenil Abertal, socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia –que tamén está a celebrar as súas vodas de prata-, cumpre neste curso corenta anos de existencia.

Ademáis dun programa de actos que se dará a coñecer nas vindeiras semanas e que está liderado por unha comisión de socios actuais e outros históricos, o Centro Xuvenil está a facer un esforzo grande de dixitalización de moitos dos seus procesos. Aínda que a intención non ten nada de novidoso, moitas das entidades do terceiro sector levan anos transitando estes camiños, a asociación salesiana da un paso significativo tanto no eido da recollida de datos, coma do acceso aos mesmos ou á promoción das actividades.

Con Don Bosco e cos tempos

A presentación deste novo proceso tivo moi boa acollida, malia os reparos que ás veces as cuestións técnicas poden xerar. “O modus operandi salesiano pide estar ao día dos intereses da xente moza… con Don Bosco e cos tempos” sentenciaba Isaac González cando era preguntado polo motivo do cambio.

A dixitalización traerá consigo a renovación da web, do sistema de comunicación coas persoas socias, e tamén un novo carné que permita dixitalmente realizar algunhas das operacións das persoas socias.

Un proceso máis amplo

A celebración do corenta aniversario non quería ser so un evento folclórico. O director resume nunha tripla finalidade a conmemoración: “No desexo da entidade están tres palabras: mirar ao pasado con gratitude, tendo en conta que foron mozas e mozos os que deron vida a esta iniciativa; mirar ao presente con realismo e con forza, que permita renovar o compromiso e a paixón por ofrecer unha alternativa educativa no tempo libre de carácter integral e con competencia ante as outras ofertas e mirar ao futuro con esperanza, coa esperanza de que o capital máis importante da entidade é o capital social, formado nestes momentos por todas as familias, mozos e mozas, nenos e nenas que xunto coas preto de duascentas persoas voluntarias existentes en todos os proxectos fan realidade aquelo de ‘abertal: monte en man común sen lindes nin cancelas’”, aseguraba Segundo Cousido.