O ceo en agosto de 2020

Publicado por o día 04/08/2020 na sección de Social,Sociedade Galega de Historia Natural

O ceo en agosto de 2020

Efemérides

  • Día 1: A Lúa e Xúpiter moi próximos.
  • Día 2: A Lúa e Saturno moi próximos.
  • Día 3: Ás 18:00 h Lúa Chéa.
  • Día 9: Marte e a Lúa moi próximos.
  • Día 11: Ás 18:48 h a Lúa en Cuarto Crecente.
  • Día 12: Choiva de estrelas Perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo. Actividade desde o 17 de xullo ao 24 de agosto, cun máximo de 140 por hora na noite do 12 ao 13 de agosto. Son producidas polos restos do cometa 109P/Swift-Tuttle. Radiante en Perseo, de aí o seu nome.
  • Día 15: A Lúa e Venus moi próximos.
  • Día 17: Choiva de estrelas Kappa-Cygnidas, actividade desde o 3 ao 31 de agosto cun máximo de 3 por hora o 17 de agosto. Radiante en Cisne.
  • Día 19: Ás 04:42 h Lúa Nova.
  • Día 20: Aniversario do lanzamento do Voyager 2 (1977) a percorrer Xupiter, Saturno, Urano e Neptuno. Hoxe atopase a 18.500.000.000 de quilómetros da Terra, e continúa a súa viaxe polo espazo interestelar a unha velocidade de 18 quilómetros por segundo.
  • Día 25: Ás 17:58 h a Lúa en Cuarto Crecente.
  • Día 28: A Lúa e Xúpiter moi próximos.
  • Día 29: A Lúa e Saturno moi próximos.
  • Día 31: Choiva de estrelas Alfa Auríxidas, actividade desde o 28 de agosto ao 5 de setembro cun máximo de 6 por hora o 31 de agosto. Radiante en Auriga.

Planetas

  • Mercurio en Leo con magnitude -1,03. Non visible pola súa proximidade ao Sol.
  • Venus en Xéminis con magnitude -4,29. Visible desde 2,5 horas antes do amencer.
  • Marte en Piscis con magnitude -1,42. Visible despois de media noite.
  • Xúpiter en Saxitario magnitude -2,65. Visible case toda a noite.
  • Saturno en Saxitario magnitude 0,22. Visible case toda a noite.
  • Urano en Aries, cunha magnitude de 5,75. observable con prismáticos, despois de media noite.

Cometas

  • C/2020 F3 (NEOWISE) nas constelacións Cabeleira de Berenice e Virgo. Os demais pola súa magnitude son difíciles de observar.

Durante o pasado mes de xullo puidemos gozar, despois de 23 anos, da visita dun cometa visible a primeira ollada, o cometa NEOWISE, que está a fascinar aos observadores do ceo nocturno en todo o hemisferio norte.

O nome oficial C / 2020 F3 (NEOWISE) dinos moitas cousas sobre a súa orixe e o seu descubrimento.  A “C” indica que se trata dun cometa non periódico, ou cun período orbital relativamente longo (miles de anos). “2020” indica o ano en que se descubriu o cometa. A “F” revela o medio mes do descubrimento, que corresponde á segunda quincena de marzo (descuberto o día 27). “NEOWISE” é o descubridor: o telescopio espacial da NASA o “WISE”, un buscador de asteroides, de aí NEO (novo).

A súa máxima aproximación ao Sol foi o 3 de xullo, pasando a menos de 43 millóns de quilómetros, e á Terra o 23 de xullo a 102 millóns de quilómetros. Estímase que a súa órbita é duns 7.000 anos. Agora dirixese á súa orixe, A Nube de Oort, cunha velocidade de 64 quilómetros por segundo. O seu núcleo, de xeo e rochas, ten un tamaño aproximado de só 5 quilómetros.  Ten dúas colas perfectamente visibles, como podemos apreciar na fotografía dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN en Meiras o pasado 16 de xullo. Unha das colas é de po e gas, e a “cola de ións” feita de moléculas de gas cargadas eléctricamente. Crese que pode ter unha terceira cola de sodio atómico.

Durante o mes de agosto atoparase nas constelacións da Cabeleira de Berenice e de Virgo. A súa magnitude será de case 4,5 o que dificultará a súa visión, pero cuns simples prismáticos poderemos seguir gozándoo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.