O CESM rexeita a ‘mobilidade forzosa’ que afecta á maioría dos médicos do CHUO porque agrava a precariedade laboral, reduce a calidade e é ‘ilegal’

O Sindicato alerta de que a situación pode estenderse ao resto de hospitais de Galicia para cubrir os déficit dos comarcais
Por o 28/03/2019 | Sección: Cesm-Galicia,Sanidad,Sindicatos
O CESM rexeita a ‘mobilidade forzosa’ que afecta á maioría dos médicos do CHUO porque agrava a precariedade laboral, reduce a calidade e é ‘ilegal’

O vicepresidente da Delegación da Confederación Española de Sindicatos Médicos ( CESM) en Galicia, Emilio Armada, expresou o ‘rotundo rexeitamento’ da Organización Sindical á ‘mobilidade forzosa’ que a xerencia da EOXI pretende impoñer para atender as necesidades asistenciais dos centros comarcais de Valdeorras e Verín, por tratarse dunha medida que agrava a precariedade

laboral, reduce a calidade asistencial, é ‘ilegal’ e podería afectar á maioría dos facultativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Emilio Armada denuncia que a proposta da xerencia que recolle o documento ‘Criterios de programación e prestación de asistencia sanitaria nos centros adscritos’ é claramente ilegal, porque incumpre a Lei 8/2018 de Saúde de Galicia ao ordenar a mobilidade forzosa dos facultativos do CHUO aos hospitais comarcais para a realización de actividades ordinarias, como son as consultas, e prestar atención continuada, como supoñen as gardas. O portavoz sindical explica, neste sentido, que a ‘imposición’ da xerencia contradi a Lei, que establece a necesidade de que o Consello da Xunta aprobe un Decreto que recolla o ámbito xeográfico e o mapa de cada área sanitaria, por tanto -subliña- ata que non se aprobe ese decreto autonómico o desprazamento temporal forzoso dos profesionais é ilegal.
O representante de CESM alerta de que esta situación, que comezou en Ourense, pode estenderse con rapidez ao resto dos hospitais de referencia de Galicia, porque ‘está claro que existe un importante déficit de facultativos nos centros comarcais’.
Armada explica esta ‘desbandada’ de profesionais desde os centros comarcais a outras áreas, e mesmo á Sanidade Privada e ao estranxeiro, pola falta de promoción, fidelización e incentivación da Xunta, como algunhas sentenzas do TSJG recoñeceron, ao afirmar que o SERGAS non adoptou medidas para poder cubrir as postos vacantes ou non desempeñados efectivamente.
CESM subliña que cos criterios e condicións que recolle o documento da xerencia acentúase a precariedade laboral, xa que se obriga aos facultativos para realizar longos desprazamentos, a dispoñer do seu vehículo particular e, ademais, cando se fan gardas localizadas a 120 quilómetros de casa deben ser consideradas como presenciais coa consecuente libranza postguardia obrigatoria, e non como unha presencial no teu domicilio.
A Central Sindical, que representa á maioría dos facultativos, afirma que estas medidas, que modifican substancialmente as condicións laborais dos profesionais, exceden a marxe competencial da Dirección do CHUO e deben ser tratadas cos representantes das organizacións sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade.

O vicepresidente da Confederación en Galicia esixe á Xunta que se dote aos hospitais adscritos dos recursos humanos necesarios ou, pola contra, que a mobilidade sexa voluntaria e incentivada, porque coa proposta da xerencia do CHUO a calidade asistencial sufriría un importante menoscabo tanto no Hospital de Ourense como nos comarcais de Valdeorras e Verín. CESM conclúe que se a xerencia do CHUO non retira o documento en todos os seus termos, non descarta emprender accións legais e, por suposto, recorrer á mobilización porque ‘a precariedade laboral que sufrimos os profesionais e a deterioración da calidade asistencial ao que asistimos desde hai unha década son intolerables’.

Comentar noticia

Your email address will not be published.