O “cheque social”: sen fondos, sen prazos, sen dignidade

Publicado por o día 07/09/2014 na sección de ODS Coia,Social

O “cheque social”: sen fondos, sen prazos, sen dignidade

Primeira semana de setembro e aínda están sen resolver as axudas do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación”, o coñecido como “cheque social”.

O artigo 13.5. das bases desta convocatoria sinala que “o prazo máximo para resolver e publicar a resolución do procedemento non poderá exceder de tres (3) meses, contado desde a publicación da convocatoria no BOP”, pero todo indica, segundo sinalan responsables de benestar social, que, como xa aconteceu o ano pasado, incumprirán o establecido nas bases e a resolución non estará para o 17 de setembro, data na que expira dito prazo.

Nesa liña, o exceso de celo municipal á hora de esixir a acreditación de todo tipo de situacións, que se evidencia nas numerosas peticións de documentación adicional nas últimas semanas a un gran número das persoas que demandaron a axuda, semella responder a unha dobre estratexia: gañar tempo e introducir novos atrancos que desboten a máis solicitantes do acceso a estes cartos.

E mentres os poderes públicos, sempre lentos e tediosos á hora de velar polos nosos dereitos, nos obrigan a agardar polos seus ritmos, e temos que ficar á espera dunha resposta do departamento dirixido por Isaura Abelairas, os poderes privados (a banca, FENOSA, Aqualia…) non entenden de atrasos nos pagamentos sempre e cando sexamos nós as afectadas. Quitas, renegociacións, demoras… só están ao alcance dos grandes capitais.

Mentres, en definitiva, a única resposta dos encargados de xestionar as políticas de miseria é que continuemos agardando, nós (que non só estamos pendentes da resolución do “cheque social” senón tamén, en moitos casos, da RISGA, das poucas prestacións da lei de dependencia que deixaron, das Axudas de Emerxencia Municipais…) loitamos por vivir con dignidade un día a día marcado con crueza polas consecuencias da precariedade, do desemprego, dos recortes sociais.

Por iso, fronte ás políticas miserables esiximos dereitos sociais para todas, xa! Renda Básica das iguais e moito máis!

PRENSA ODS COIA